O aparcadoiro do porto conxela de novo as tarifas
Por Redacción
O Consello de Administración de Nauta Sanxenxo acordou conxelar de novo para este exercicio as tarifas do aparcadoiro situado baixo a Praza do Mar. Esta medida, xa aplicada o pasado ano, ten como obxectivo incentivar a actividade comercial na zona "ofrecendo uns prezos que se atopan entre os máis baixos da provincia", incidiu o concelleiro, Salvador Durán, vicepresidente desta sociedade pública encargada da xestión de todas as instalacións do Porto Deportivo Juan Carlos I, tanto da lámina de auga coma dos locais e do aparcadoiro.
Salvador Durán recordou que con esta medida "complementamos a gratuidade da primeira hora de estacionamento establecida en primavera, para todos os días salvo na tempada de verán, e que supón un gran beneficio para os usuarios xa que lles permite estacionar non centro da vila sen custe algún durante sesenta minutos e facer nese tempo ás xestións e ás compras que precisan e gozar da oferta hostaleira local".
O edil insistiu en que unha vez esgotado ese tempo, "a taxa por minuto é só de 0,026 euros" e apuntou que a empresa municipal ofrece bonos de estacionamento fóra do período estival por 31,30 euros mensuais, ademais de reducións por longa estanza.
O aparcadoiro do porto dispón de 206 prazas de rotación e foi obxecto antes do verán dunhas obras de mantemento que levaron consigo a mellora dos 400 m2 de superficie de pavimento, o pintado de piares, prazas e números, así como das paredes, reixas de ventilación e relanzo das escaleiras que conducen á Praza do Mar, substitución do falso teito situado na zona da entrada e limpeza das canalizacións interiores.
TRÁNSITOS
O vicepresidente de Nauta informou así mesmo que as tarifas das prazas de amarre destinadas a tránsitos experimentarán tan só o incremento correspondente ao IPC, establecido nun 0,3%.
"Despois de facer un estudo sobre os prezos dos tránsitos en vinte portos constatamos que as taxas das instalacións sanxenxinas atópanse na media estatal", comentou Salvador Durán.
Relacionadas:
-
O parking de Nauta Sanxenxo bateu en agosto o récord de recadación desde a súa apertura en 2005
Por Redacción |
-
O aparcadoiro do Porto ofrece "de balde ata o verán" a primeira hora de estacionamento
Por Redacción |
-
Unha hora de aparcadoiro de balde para facer compras e xestións en Sanxenxo
Por Redacción |