O parking de Nauta Sanxenxo bateu en agosto o récord de recadación desde a súa apertura en 2005
Por Redacción
O aparcamiento situado baixo a praza do Mar, xestionado pola empresa pública Nauta Sanxenxo, bateu en agosto o récord de recadación desde a súa apertura no ano 2005. Tal e como informou o vicepresidente desta sociedade municipal, foron un total de 137.549,50 euros os obtidos a través de 36.187 accesos ao parking, cuantía que reflicte un aumento do 4,5% nos ingresos xerados en relación ao mesmo período de 2013.
"O mes de xullo xa resultou histórico en canto aos ingresos obtidos no aparcadoiro e en agosto superáronse todas as cifras anteriores, o que nos confirma que os servizos que oferta o porto deportivo son valorados polos usuarios", comentou Salvador Durán, quen recordou que ao estacionamento súmanse outras prestacións como o guindastre, limpeza con máquina a presión e estancia no varadero ou a venda de 111.527,97 litros de gasoil e gasolina "que tamén deixan beneficios a Nauta Sanxenxo".
TRÁNSITOS
Doutra banda nos 364,5 metros destinados a tránsitos amarraron 233 embarcacións das que 135 corresponderon a embarcacións a vela e 93 a motor. Como é habitual, na maioría dos barcos, 171 en total, ondeou a bandeira española, mentres que Francia liderou o ranking dos visitantes estranxeiros. De feito, o número de naves galas creceu un 142% en agosto con respecto ao mesmo mes de 2013.
"Esta tendencia xa a constatamos no mes de xullo é débese a promoción que Nauta Sanxenxo fixo en Francia o ano pasado ao asistir aos salóns náuticos de La Rochelle y de París, os máis importantes do país", afirmou Durán, quen apuntou que estes resultados "nos levan a continuar apostando por estas feiras internacionais para seguir captando a aqueles visitantes que utilizan o corredor atlántico e que queremos que recalen no porto deportivo municipal".