O PP leva ao pleno da Deputación unha moción esixindo ao Goberno central a transferencia da AP-9
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do PP de Pontevedra vén de presentar unha moción, que se levará ao vindeiro pleno da Deputación, onde solicita o rexeitamento da corporación provincial contra a suba de peaxes do Goberno central, e esixe ao Goberno central que avance na transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9 con todos os recursos necesarios para acometer as obras pendentes e para a súa axeitada xestión.
O portavoz do grupo popular, Jorge Cubela, indicou que a nosa comunidade conta coas peaxes das máis caras de España: a AP-9 e a AP-53, que "por riba este ano aínda se encarecen máis que nunca" cunha alza de case un 7% no caso da AP-9 e de máis dun 5% na AP-53.
Jorge Cubela reiterou tamén que o Goberno de España ten que liberar a peaxe da AP-53 -que une Santiago e Dozón- para igualala coa autoestrada autonómica que chega a Ourense.
Cubela indicou que "continua o agravio dos galegos con relación ás autoestradas estatais na comunidade".
O voceiro popular asegurou que "dende a Deputación temos que traballar na defensa dos intereses dos galegos e das galegas, dando a batalla para lograr unha AP-9 galega, asumindo a súa titularidade, dunha vez por todas".