O pleno da Deputación esixe ao Goberno central que palíe a suba das peaxes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este martes trasladarlle ao Goberno central o seu rexeitamento contra a suba das peaxes da autoestrada AP-9, así como avanzar na transferencia da titularidade desta última á Xunta de Galicia.
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, foi o encargado de defender a moción e propuxo ao pleno un acordo, que saíu adiante cos votos do grupo do PP e do BNG, consistente en, ademáis de expresar o rexeitamento da corporación provincial contra a suba de peaxes do Goberno central, esixirlle ao Goberno de España os correspondentes avances na transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9 e solicitarlle tamén a liberación da peaxe do treito da AP-53 entre Santiago e Dozón para igualala coa autoestrada autonómica que chega a Ourense.
A Corporación provincial celebrou este martes dúas sesións plenarias, na primeira deuse conta da renuncia ao seu cargo como deputado provincial do voceiro do grupo socialista, Carlos López Font.
Esta renuncia que suscitou palabras de recoñecemento dos voceiros do resto de grupos, Jorge Cubela (PP); e César Mosquera (BNG). A nova voceira do grupo socialista será a viguesa Ana Laura Iglesias, mentres que o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, será o substituto de López Font na corporación.
A xornada rematou coa celebración dun segundo pleno extraordinario no que se debateron dúas mocións presentadas polo grupo socialista que non saíron adiante. Unha na que esixían a licitación inmediata da primeira fase das obras da EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, no concello de Pazos de Borbén; e outra relacionada coa vertedura de microplásticos no litoral galego para que a Deputación de Pontevedra aprobe un plan específico de axudas para os concellos afectados pola chegada dos pellets.
Relacionadas:
-
O PP galego pon o foco no Congreso no cumprimento da promesa do Goberno de eliminar as peaxes da AP-9
Por Redacción |
-
O PP leva ao pleno da Deputación unha moción esixindo ao Goberno central a transferencia da AP-9
Por Oskar Viéitez |
-
O PP acusa o PSOE provincial de "retorcer a realidade" para xustificar a petición dun pleno extraordinario sobre os pellets
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE forza un Pleno extraordinario na Deputación para debater as axudas aos concellos pola marea de pellets
Por Redacción |