En redacción o proxecto para a senda peonil na estrada do Pazo, en Ardán
Por Oskar Viéitez
O goberno local do Concello de Marín encargou a redacción do proxecto da senda peonil na estrada de O Pazo, en Ardán, unha vía de acceso fundamental que vai entre Xuncal e O Pazo, cuxas marxes da calzada son a única vía de comunicación peonil.
Esta zona non ten sinalización, o seu pavimento é irregular e non hai condicións de seguridade e accesibilidade para poder garantir un bo tránsito.
A actuación que se proxecta é a construción dunha senda segregada do tráfico rodado, creando algunhas zonas de convivencia onde sexa preciso nas que os vehículos terán que aminorar a velocidade a 20 quilómetros por hora.
Ademais, adecuarase o entorno da entrada do Cemiterio de Ardán, mellorando a súa accesibilidade e recuperando o espazo ao mesmo, dando continuidade á senda a través dun paso peonil sobreelevado. Aproveitando a actuación, tamén se rehabilitará o pavimento da calzada destinada aos coches, para deixar todo o tramo en perfecto estado.
"Agora temos xa o proxecto listo para poder empezar a buscar financiación para executalo, que será unha das nosas prioridades", asegurou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, que recordou que a redacción deste proxecto foi posible grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra para este fin nos concellos adheridos á Rede Ágora, da que Marín forma parte desde o 2020.