A plataforma contra a autovía A-57 reúnese co vicepresidente da Deputación
Por Oskar Viéitez
Dentro da estratexia da plataforma de explicar as afeccións e problemas que supoñerá a construción do segundo tramo da A-57, veciños de Bora e Xeve reuníronse este luns pola tarde co vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, na sede provincial.
A plataforma iniciou unha rolda de contactos con todos os partidos e cargos relevantes para pedir que se busque un mellor trazado para esta vía.
Sostén que o trazado actual "cambiará para sempre o rural de Pontevedra, deixando a decenas de veciños sen casas, outros centos de vivendas quedarán pegadas aos noiros e preto de 200 residencias soportarán niveis de ruído por encima do permitido".
"O trazado do Ministerio de Transportes destruirá 6,000 metros cadrados de Rede Natura e dividirá ás parroquias", engaden.
Os portavoces desta plataforma trasladaron todas estas cuestións a Rafa Domínguez para que defenda os intereses dos veciños do rural afectados por esta "lesiva e innecesaria vía".
Para este xoves esta plataforma de afectados convocou unha rolda de prensa no edificio da Xunta en Benito Corbal xunto aos colectivos Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace para denunciar os graves impactos sociais e ambientais que terá no rural pontevedrés a construción de máis tramos desta infraestrutura.
O rexeitamento da veciñanza do rural pontevedrés a esta autovía comezou hai 20 anos cando se licitaron os primeiros tramos. Agora, diante da continuación da construción, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace mostran o seu apoio e solidariedade coa veciñanza das parroquias afectadas "para frear a desfeita ecolóxica e social que causarán estas obras".
Relacionadas:
-
O subdelegado do Goberno reprocha veladamente a Ana Pastor o seu "ton crítico" coa A-57
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Pontevedra pide estudar "alternativas" para que a A-57 sexa "menos lesiva" en Xeve e Bora
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os nenos de Xeve e Bora escriben aos Reis Magos: "El regalo más bonito es que no hagan la A-57"
Por Natalia Puga |
-
"Non pedimos un cambio de trazado, pedimos que se desbote por completo a autovía A-57"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Bora e Xeve, contra a A-57: "Non somos dous afectados, somos moitos"
Por Alejandro Espiño |
-
Afectados pola A-57 en Bora e Xeve alertan da "destrución de boa parte do rural de Pontevedra"
Por Oskar Viéitez |