Xermán Torres
Xosé Carlos Valle Pérez, o continuador perfecto de Filgueira Valverde
XOSÉ CARLOS VALLE PÉREZ (Pontevedra, 1953), O CONTINUADOR PERFECTO DE FILGUEIRA VALVERDE Á FRONTE DO MUSEO DE PONTEVEDRA
Ademais doutras funcións no Museo ao longo da súa vida e desde neno, exerceu como director desde 1986 e ata a súa xubilación administrativa en 2018
Valle Pérez, un intelectual galego, historiador da Arte, premio extraordinario na súa Licenciatura e no Doutorado da súa especialidade na Universidade de Santiago de Compostela, cunha ampla obra escrita, con experiencia de publicista e divulgador, así como o seu exercicio como comisario en múltiples e valiosas exposicións artísticas e históricas, entre as que destacamos, a de GALICIA NO TEMPO. Pero, sobre todo, director do Museo de Pontevedra durante moitos anos, durante toda a súa vida profesional, vinculada ineludiblemente a tan importante institución pontevedresa.
Subliñar o seu magnífico labor dirixindo o Museo de Pontevedra, que enchería de fachenda ao seu mestre e mentor, o profesor Xosé Filgueira Valverde, do que foi digno discípulo e continuador. Valle soubo entender e interpretar a filosofía de Filgueira Valverde para o Museo de Pontevedra e foi o seu idóneo executor, VallePérez é un home do Museo de Pontevedra desde seus tempos de neno alumno colaborador do Museo de Pontevedra e traballou arreo para convertelo nun referente a nivel nacional e mesmo internacional. Valle seguiu a potenciar o crecemento do Museo coa mellora das instalacións, a consecución dun grande e moderno edificio de nova planta o VI, chamado edificio Castelao (que el como eu, pensamos que en xustiza debera ser edificio Filgueira Valverde; pero, como case sempre, meteuse a intriga política por medio), tamén no seu mandato conseguiuse un aumento substancial das visitas, así como o aumento en cantidade e en calidade profesional do persoal do Museo.
Sen dúbida, Valle Pérez foi a persoa idónea para continuar coa dirección do Museo e como o mellor continuador da liña Filgueira, cando este deixa o cargo e pasa a director emérito e encargado da valiosa biblioteca, no xa lonxano 1986 e cando Filgueira Valverde tiña oitenta anos, a Filgueira aínda lle quedaría tempo para ser o segundo presidente do Consello da Cultura Galega (1990-1996), nunha etapa de consolidación e mellora nesta importante institución galega. Valle ten que deixar en 2018 a dirección por mor da súa xubilación. Desde neno o Museo foi a súa segunda casa e ben puido ser, como o seu mestre querido e lembrado, nomeado director emérito, era moi merecente de tal cousa; pero, outra vez as liortas políticas metéronse polo medio e “cousas veredes”, como adoitaba a dicir o gran Castelao e repite a miúdo Severino Buceta Fontenla, quen fora taxista e “secretario” de Filgueira Valverde e admirador do Museo e amigo de Valle e tamén meu; que lle imos facer! As persoas deberan ser consideradas pola súa valía, o seu traballo e pola súa traxectoria; nunca “ninguneadas” nin esquecidas por razóns políticas, por razóns miopes, interesadas e inxustas.
Eu persoalmente estou moi agradecido ao que considero un gran amigo, a Xosé Carlos Valle Pérez, quen me prestou a súa inestimable axuda coas súas testemuñas e aportacións persoais nas miñas pescudas sobre a persoa e a obra de Xosé Fernando Filgueira Valverde nas súas facetas de educador e home da cultura galega, el é unha das persoas que mellor coñece ao “vello profesor” e á súa traxectoria persoal e Valle tamén é unha das persoas que mellor coñece á cidade de Pontevedra e á súa historia, ambos temos un gran e sentimental aprecio por Filgueira e pola súa cidade, a fermosa cidade de Pontevedra, que acubilla ao non menos fermoso río Lérez no seu morrer e na súa fusión coa maltratada ría homónima. Valle abriume as portas do Museo co que eu xa mantiña relación, polo menos desde o ano 1978. E tamén tivo un papel predominante na celebración do Centenario de Filgueira Valverde no 2006, así como na celebración no 2015 das actividadesdo Día das Letras Galegas, dedicado xustamente a Filgueira Valverde, en ditos acontecementos fun invitado a participar pola querida familia Filgueira Iglesias e por Valle Pérez, quen me facilitou a utilización e me abriu seu arquivo persoal e os arquivos do Museo e me prestou o seu asesoramento e as súas orientacións para que puidera coñecer mellor ao seu mestre a ao seu Museo.
Deséxolle moitos éxitos a Xosé Carlos Valle Pérez nesta etapa da súa vida, porque aínda é un intelectual na súa madurez, aínda é un home relativamente novo, que pode seguir a aportar grandes cousas en beneficio da nosa cultura e da Historia da Arte e na vida académica e investigadora. Longa vida e moito suceso para outro “obreiro da causa galega”!