Xermán Torres
2023, ano do Seminario de Estudos Galegos
O Seminario de Estudos Galegos consegue o apoio da Sociedade Galega.
O Concello de Vilagarcía de Arousa subvencionou ao Seminario
O Seminario de Estudos Galegos, foi a institución privada de investigación máis importante na historia de Galicia. Foi fundada por uns mozos (moi mozos) brillantes estudantes universitarios, durante un percorrido que fixeron pola Amahía e na que visitaron a casa de Rosalía no Castro de Ortoño o día 12 de outubro de 1923, aqueles nove mozos fundadores foron: Fermín Bouza Brey (1901-1973), Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), Lois Tobío Fernández (1906-2003), Manuel Magariños Negreira (1904-1934), Xosé Pena Pena, Wenceslao Requejo Bouet, Francisco Romero de Lema (1903-1972), Alberto Vidán Freiría e Ramón Martínez López (1907-1989). Todos, andado o tempo, chegarían ser grandes personalidades de Galicia. Esta extraordinaria iniciativa fora concibida no parladoiro que se celebraba na casa pontevedresa de Antón Losada Diéguez (1884-1929) e ao que asistían entre outros Castelao (1886-1950), Antonio Iglesias Vilarelle (1891-1971), o mociño Xosé Filgueira Valverde. Hai que ter en conta que cando fundan o Seminario, por exemplo, Filgueira Valverde e Lois Tobío aínda non cumpriran os dezasete anos. Uns días máis tarde da excursión que motiva a fundación redáctase o día 23 de outubro de 1923 a acta fundacional na casa do catedrático de Lingua e Literatura da Universidade de Santiago de Compostela, Dr. Armando Cotarelo Valledor (1879-1950). Axiña se ve o gran potencial do Seminario e recibe o apoio de catedráticos e profesores da Universidade compostelá, como o xa citado Cotarelo Valledor e tamén, entre outros, Salvador Cabeza de León (1864-1934), catedrático da Facultade de Dereito. Precisamente, D. Armando foi o primeiro presidente da institución e don Salvador o segundo. Axiña apoian esta gran idea os integrantes da Xeración Nós, dos que é unha figura central Ramón Otero Pedrayo (1888-1976), que presidía o Seminario en 1936 (sendo o seu derradeiro presidente), ano fatídico para o noso país e no que o Seminario de Estudos Galegos foi cruelmente aniquilado, extraviándose moitos materiais, estudos e traballos do Seminario de incalculable valor, foi unha perda irreparable para Galicia.
Logo do Seminario de Estudos Galegos de Castelao
O Seminario de Estudos Galegos tamén recibiu o apoio institucional das Deputacións, e de moitos Concellos de Galicia, así como doutras institucións e entidades tanto públicas como privadas. Xa vimos que tamén grandes personalidades da sociedade galega sumáronse como socios activos e protectores, subliñamos dúas, de grande relevancia, o Arcebispo de Santiago Mons. Manuel Lago González (1865-1925) e o ilustre matemático e astrónomo lalinense Ramón María Aller Ulloa (1878-1966).
Filgueira Valverde, fundador e valedor do SEG (Arquivo Ondas de Arosa)
Pescudando no arquivo municipal da miña cidade de Vilagarcía de Arousa descubrín que o meu Concello subvencionou con 100 pesetas, daqueles anos, ao Seminario, foille concedida na sesión plenaria do 4 de setembro de 1931 e está rexistrada no libro de plenos do período: 01/04/1922 - 02/12/1931, Arquivo Municipal Instalación: 26 – Expediente: 1, páxina 62, para a súa comprobación. Presidía a Corporación Municipal vilagarciá o alcalde Elpidio Villaverde Rey (1887-1962).
Extracto da acta do Pleno do Concello de Vilagarcía de Arousa, 1931
No texto da concesión da subvención indícase: "lamentando el que no pueda ser ésta mayor por no consentirlo la partida para subvenciones del presupuesto. Acuerda a la vez que en el próximo presupuesto se consigne partida especial para esto".
Rexistro epistolar de Concello de Vilagarcía de Arousa comunicado do acordo da subvención, 1931
Consideramos que neste ano do centenario da súa fundación o Seminario de Estudos Galegos ten que ser obxecto de detidas investigacións e de numerosos actos e homenaxes, como sen dúbida así será. As novas xeracións e toda Galicia deben coñecer, valorar e agradecer o enorme labor desta exemplar institución, vilmente masacrada no ano 1936. O Seminario debe permanecer por sempre na nosa memoria e aprender del o valor do traballo multidisciplinar en equipo, tarefa aínda pendente nos nosos centros de estudo e de investigación, así como nos centros de traballo e empresas da nosa Galicia. Equipos de distintos perfís profesionais científicos, artísticos e culturais traballando e interactuando conxuntamente co obxectivo de soerguer Galicia, comunidade amada, que estaba no punto de mira do SEG.
PARA CONSULTAR:
Xosé Filgueira Valverde, V Adral (A Coruña: do Castro, 1989), 288-290; 357-358.
Xosé Filgueira Valverde, IX Adral (A Coruña: do Castro, 1996), 181-183.
Alfonso Mato, O Seminario de Estudos Galegos (Sada-A Coruña: do Castro, 2001).
Alfonso Mato, "A desfeita no Seminario de Estudos Galegos" en Grial, 163 (Vigo: Galaxia, 2004), 34-37.
Germán Manuel Torres de Aboal, "O Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), o labor científico pola construción dunha identidade galega" en Xosé Manuel Cid Fernández et María Victoria Carrera Fernández, XX Coloquio Historia Educación, Identidades, Internacionalismo, Pacifismo y Educación (S. XIX y XX).(Ourense: Sociedad Española de Historia de la Educación, 2019), 185-190.