Xermán Torres
Crítica literaria: 'A Porta de Europa' de Sabela Muñiz
Sabela Muñiz agasállanos con este seu segundo libro pertencente tamén ao xénero novelístico, subxénero negro e de suspense con base realista, despois de ter publicado en 2010: Las Puertas del Alma.
Subliño como curiosidade que nos dous títulos das súas novelas figura a palabra porta, palabra significativa, cabalística, máxica. Habería que preguntarlle se este detalle ten algunha connotación. Pero sigamos falando unha miga da autora, se ben a súa formación académica e profesional está centrada na restauración de bens culturais na especialidade de arqueoloxía, desde moi nova recibiu unha formación complementaria moi rica e na que se nota a influencia da súa nai e do seu pai (xa tristemente falecido). Esta formación incluía a educación artística, musical e teatral cunha fina sensibilidade pola lingua galega e polo galego. A súa nai axudouna a ter unha inquedanza social e calidade humana que configura a súa vida e a súa obra, cunha preocupación polos demais e pola xustiza social e polas cuestións humanitarias.
Premiada a moi tenra idade nas súas incursións na literatura, co paso do tempo vai madurando e avanzando na súa faceta de escritora, amosando un dominio cada vez maior na difícil técnica novelística. A Porta de Europa é unha novela que prende no lector e unha vez que empezas a lela xa non queres deixala das mans. Unha novela importante dunha escritora moi nova e coa que hai que contar na literatura galega contemporánea. Desexamos que nos siga ofrecendo libros tan interesantes como cos que nos ten agasallado e que merecen ser tidos moi en conta. Ela é un exemplo para os mozos e mozas, por eso esta novela debe ser tida en consideración nos nosos institutos. Animámola a seguir o seu orixinal camiño literario, que ao ser tan nova, esperamos fecundo e cheo de crecente calidade.
Vivimos na mellor das comarcas, onde uns recentes e poderosos empresarios, pertencentes a importantes familias dedícanse ao negocio do viño, da hostalería, das conserveiras e doutras variadas e rendibles ocupacións de caixa B, vivimos nunha comarca en B, e nun país en B, así de ben nos vai. Hai anos falamos desta Arcadia feliz e denunciamos a amoralidade económica de funestas consecuencias (1987), mais daquela pouco máis que se riron de nós (Campaña de Cáritas de Arousa en contra do narcotráfico e da lacra das drogas). Esta situación, desgraciadamente aínda persistente é a que relata en forma de novela, en forma de ficción, porque non pasa nada disto, non (sigamos a pechar os ollos), Sabela Muñiz na súa extraordinaria e realista novela (aínda que todo o parecido á realidade é mera coincidencia). Nese noso mundo de a cotío, base da novela, recoñecemos a tantos personaxes e familias de toda caste: narcos-letrados-polis-políticos e nestes negocios en B a nosa sociedade é a Porta de Europa, unha porta de inferno, e se non que llo digan a tantas nais e familias coraxe que se manifestaban e berraban desgarradas de dor diante das portas e portalóns das mansións de tan honrados empresarios ou cando eran conducidos pola policía aos xulgados e aos cárceres. Todo esto é máis reflíctese na interesantísima novela de Sabela Muñiz.
Esta obra atesoura unha gran calidade, interesa ao lector desde o primeiro momento e ata a última páxina. A disposición dos capítulos é moi lograda, ao intercalar accións e tramas, evolución dos personaxes, dos grupos fan que nos manteñamos pegados ao libro a ver que pasa, a ver como finaliza todo. Ten unha base realista ao estar documentada no libro de SUÁREZ (1997) e na prensa diaria, que a súa vez baséanse en informes policiais, xudiciais e distintas testemuñas. Que facedes xa que non tendes entre mans o libro de Sabela? Recoméndoo vivamente, gracias e parabéns para Sabela Muñiz e ata outra millorada.