Héctor Santaló
Seguimos para bingo...
O Concello de Pontevedra non vai ter orzamentos neste 2023, non antes das eleccións. Isto é o que se deduce das declaracións feitas polo Sr. Raimundo González, Concelleiro de Facenda o pasado 1 de marzo.
A tramitación dos orzamentos acumula un retraso de 5 meses e faltan menos de 3 para as eleccións, os tempos legais fan practicamente imposible que uns orzamentos sexan aprobados por esta corporación.
Nesta tesitura non se poderían realizar os investimentos millonarios que o Alcalde e outros membros da corporación están a prometer, tampouco os grandes eventos que se están a anunciar terían cabida nuns orzamentos prorrogados.
Asemade, supón que non vai a haber ningún intento crible de negociación, nin cos sindicatos, nin cos grupos políticos nin demais axentes sociais que deben ser escoitados á hora de decidir o destino que se da ao diñeiro de todos.
Os traballadores e traballadoras municipais coñecen ben o pouco que valen os compromisos de precampaña. hai catro ano por estas datas formalizábase un acordo laboral que acabou metido nun caixón.
Ademais, que non haxa orzamentos agrava un conflito laboral que corre o risco de enquistarse. Non se crearían novas prazas nin podería haber unha oferta de emprego coa que cubrir as vacantes, o cal afectaría tanto á calidade dos servizos que recibe a cidadanía como á exposición a riscos laborais do persoal que os presta.
Por último, non comparto a xustificación do retraso que deu o Concelleiro. Os orzamentos serven para planificar a actividade da administración e axeitala ás necesidades de cada momento. Unha inflación desbocada non serve de escusa para non elaborar os orzamentos, senón todo o contrario ( Non podo evitar lembrarme do acontecido o pasado ano co alumeado de nadal.).
Descoñezo cales poden ser os motivos que levaron ao Concello a esta situación, tal vez sexa unha estratexia para evitar o desgaste dunha negociación, quizás se deriva da falta de acordo entre os socios de goberno ou é un síntoma máis da falta de coordinación e dirección do goberno municipal, incapaz de dirixir unha organización obsoleta que rexeitan actualizar.
En calquera caso o orzamento é o reflexo económico das políticas municipais, polo que ao renunciar a el, o Goberno Local, pon de manifesto a súa falta de ideas e propostas, non só en materia de persoal, senón tamén para dar resposta ás expectativas da cidadanía ou para continuar desenvolvendo o modelo de cidade.
Héctor Santaló Núñez