Héctor Santaló
Señorocracia
Entre os neoloxismos recollidos pola real academia da lingua española se atopa o termo "señoro" para referirse a aqueles varóns que por considerarse superiores ás mulleres tratan a estas dun xeito condescendente.
Trala saída da Sra. Carme da Silva do Concello de Pontevedra, e a "renuncia" da Sra. Fouces a ocupar a vacante que deixou aquela, o Sr. Alberte Oubiña retomou a súa actividade como concelleiro. A primeira das consecuencias da súa volta é que se produce un importante desaxuste a efectos de paridade no goberno municipal, de xeito que agora, só 3 das 9 concellarías de son ocupadas por mulleres.
Isto é un síntoma máis da escasa importancia que certos cargos relevantes do goberno municipal dan un tema transversal como á a igualdade de xénero para os que o feminismo é pouco máis que un pretexto para saír a pasearse tras unha pancarta polas rúas o día 8 de marzo.
A marcha da Sra. Da Silva implica, asemade, que os únicos membros do primeiro mandato do BNG que permanecen no goberno municipal actual son homes, acaso son eles os únicos aos que, tras 5 mandatos, aínda lles queda algo que ofrecer a sociedade Pontevedresa?, dubídoo moito.
Nesta mesma liña, o proxecto de orzamentos para 2024 prevé unha partida de "investimentos reais" de case 14 millóns de euros. Esta partida recolle os gastos previstos máis relevantes tanto dende o punto de vista económico como político. Reflicten o grado de confianza depositado en cada unha das persoas que pertencen ao grupo de goberno. Pois ben, só o 25% desta partida vai a ser xestionado por concellarías encabezadas por unha muller.
Pero quizais o síntoma máis evidente das importantes carencias en materia de igualdade que se dan na organización municipal é que ningunha das Direccións Xerais que existen no Concello, cargos de especial responsabilidade designados libremente polo goberno local, é ocupada por unha muller.
O colectivo feminino é maioritario entre o persoal das administracións, case 3 de cada 4 novas incorporacións á función pública son mulleres e boa parte delas reúnen os requisitos esixidos para ocupar postos desa natureza. Como é posible que ningunha delas fose designada polo goberno local para ocupar unha dirección xeral? Cada quen que saque as súas propias conclusións.
Bótase en falta no Concello de Pontevedra un plan de igualdade que garanta que homes e mulleres sexan tratados do mesmo xeito e gocen das mesmas oportunidades e que elimine toda traza de discriminación por razón de sexo. Porén, a elaboración dese plan ten que partir dunha diagnose sobre a situación de partida, consonte a cal, para o goberno local, as mulleres representan á metade da sociedade, a un terzo do goberno, a cuarta parte dos investimentos, e ningunha Dirección Xeral.
Como parece improbable que se xubilen no curto prazo, compre que certos pesos pesados do goberno municipal abran a súa mente e se poñan ao dia en materia de igualdade e deixen de influír negativamente nas políticas municipais, xa que corren o risco de que o vindeiro neoloxismo que adopte a academia da Lingua sexa "Señorocracia" para referirse a gobernos nos que, como o de Pontevedra, mandan os señoros.