Héctor Santaló
Xogo de espías
O pasado mércores 1 de febreiro transcendeu a prensa que o Concello de Pontevedra recorreu no ano 2021 á contratación dun servizo de detectives para seguir os movementos dun traballador que se atopaba de baixa médica.
Malia que a Sra. Concelleira de Persoal tentou sacarlle ferro ao asunto referíndose aos feitos como "non habituais, pero ordinarios" o rocambolesco da situación elevou un asunto doméstico á prensa nacional.
Dende o punto de vista dos que representamos aos traballadores este é un síntoma máis dunha enfermidade que afecta ao Concello dende hai tempo e que non está a ser tratada, que se agrava cada día e con especial virulencia desde que a Sr. Fouces asumiu a Xestión do Persoal.
No asunto do detective atopamos un exemplo paradigmático do acoso ao que sofren algúns traballadores municipais, sometidos nas súas relacións laborais aos mesmos procedementos policiais de vixilancia e seguimento que os delincuentes, da insolvencia das persoas que dirixen o persoal municipal, que fixeron todo este ruído para investigar uns feitos non constitutivos de infracción disciplinaria e da neglixencia do Sr. Alcalde, responsable en última instancia da política de persoal da que se desentendeu totalmente.
Que a administración actuou de mala fe o evidencia o feito de que "tendo sospeitas fundadas" de que unha persoa ía cometer unha "posible infracción disciplinaria de carácter grave", en lugar de adoptar medidas para que esa infracción se consumase decidiu asegurar a obtención de probas mediante a contratación urxente dun servizo de detectives. É dicir, a administración iniciou "de facto" un procedemento sancionador antes de que se cometesen os feitos punibles.
Que se trata dun caso de acoso dirixido a traballadores concretos é algo que os traballadores temos claro xa que, nin todas as baixas de longa duración obxecto de espionaxe, nin todas as conductas asimilables a que foi obxecto de vixilancia derivan dun expediente disciplinario. Sen ir mais lonxe o pasado 16 de decembro os representantes dos traballadores, concentrados á entrada do Pincho de Nadal que o Alcalde ofreceu á súa corte, presenciamos como un traballador, que naquel momento levaba un tempo de baixa, acudiu ao evento acompañado de dous directores xerais e por alí non había ningún detective.
Que as persoas que están ao fronte de persoal carecen da experiencia, talante e coñecementos mínimos para ostentar responsabilidades en xestión pública púxose en evidencia en numerosas ocasións ao longo deste mandato. Por un lado un Director Xeral que carece dos coñecementos que "en teoría" se esixían para acceder ao posto, doutro unha Concelleira de Persoal que está máis preocupada da súa supervivencia política que de xestionar axeitadamente as responsabilidades que asumiu. Tras eles se agocha un Alcalde que non exerce o seu liderado, quizais porque non se quere ver salpicado, tal vez porque conte con sacar rendibilidade ao conflito cos funcionarios ou tal vez porque se esgotase o seu liderado entre os seus e xa non é quen de pararlle os pes ou emendarlle a plana a ningún dos seus lugartenentes.
En calquera caso nos seguimos esperando que se reúna cos representantes dos traballadores, interésanos tanto que nos escoite como escoitar o que teña que dicir. A ver si o deixan vir.