Héctor Santaló
Consellos vendo...
O pasado venres o rexedor de Pontevedra, o Sr. Miguel Anxo Fernández Lores, erixiuse como "líder" do movemento en favor da sanidade pública e, como tal, convocou a un "brainstrorming" a todos os alcaldes e alcaldesas da área sanitaria de Pontevedra para trazar unha postura común.
A sanidade pública é un dos pilares da nosa sociedade e como tal cómpre protexela a toda costa. A situación de precariedade que está a padecer é alarmante así como alarmante é a falta de consenso entre as distintas administracións para identificar as causas e atopar solucións.
O Sr. Miguel Anxo, que houbo un tempo no que exerceu a medicina, parece "a priori" un bo paladín para defender a sanidade pública, porén algunha das actuacións do goberno que preside indican que a súa é unha preocupación de "postín".
Entre os servizos municipais que comanda o Sr. Lores se atopa o Servizo de Benestar social, que forma parte do sistema sanitario público xa que xestiona, coordina e presta servizos sociais e sanitarios no termo municipal. Este servizo, fundamental nun estado de benestar, sufriu un grave deterioro ao longo do pasado mandato e cuxas consecuencias perduran a día de hoxe.
Malia a falta evidente de recursos humanos e materiais, o goberno local encabezado polo Sr. Lores rexeitou incrementar a dotación de persoal no amentado servizo, no seu lugar optaron por empresar privadas para complementar as carencias dos servizos públicos.
Pode que o Sr. Lores non sexa a persoa idónea para encabezar ese movemento, xa que se é congruente cos seus actos as súas propostas en defensa da sanidade pública serán recortes e a privatización do servizo público e diso, por desgracia, xa temos dabondo.
Héctor Santaló Núñez
Secretario da Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra