Xermán Torres
O neno que bailaba coas campás. Manoliño, o de Inés
Todos os que residiamos en Caldas de Reis na década dos 60 do pasado século XX e estabamos a vivir na patria feliz da nosa infancia coñeciamos e nos lembramos dun neno singular, Manoliño, o de Inés. Que daquela tiña a súa casa e vivía cos seus pais e irmáns na rúa do Embudiño, seus pais rexentaban unha carnicería na praza de Abastos caldense.
Pois ben, Manoliño era meu veciño e era meu amigo, os dous coincidimos na escola pública de D. Victoriano Rosales, de grata lembranza, a nosa aula estaba situada na Graduada de Nenos e os dous fomos "monaguillos" na parroquia de Santo Tomás da vila de dona Urraca.
Manoliño era un neno moi ocorrente e moi mañoso. Facía os seus propios xoguetes que compartía cos nenos da veciñanza: espadas de madeira, barcos de casca de pino, marionetas de cartón,..., facía como ninguén as pompas de xabón nun cacharro con auga e un anaco de xabón Lagarto, remexía e cunha palliña ceibaba as pompas desde as escalinatas de acceso a súa casa e que daban á rúa. Era un compañeiro moi divertido e perigoso por temerario.
Pero, a faceta que quero hoxe destacar, porque Manoliño é un personaxe que da para moito e co que protagonicei moitas falcatruadas de rapaces, e xa tristemente falecido, desexo subliñar, pois, a súa vertente como fabuloso "repenicador". Non volvín a ver nin a escoitar nunca a ninguén que repenicara mellor as campás do campanario da igrexa parroquial de Santo Tomás de Caldas de Reis, como o facía el.
Eu tiven a sorte de telo visto moitas veces na súa faceta de repenicador. Era un espectáculo velo e as campás soaban a gloria. El bailaba coas campás e sacaba de cada unha delas o mellor son. Creo que eran catro, orientadas nos catro puntos cardinais, el tíñalle un nome a cada unha. Tiraba dunha, tiraba doutra e así con ledicia e moita maña. Eu tiña medo de que saíse voando do campanario e el de aquí para alá, veña e dálle, bailando e sorrindo, sendo moi feliz no seu baile e agasallando os oíntes con aquelas impresionantes badaladas. Iso que a tarima na que se subía para repicar estaba en moi mal estado, era unha temeridade, pero, era algo moi fermoso, soaban moi ben. E el era o artista do campanario.
Aqueles repinicares nos días de festa, na Pascua (cando se celebraba en Caldas unha procesión infantil moi curiosa, moi especial o domingo de Resurrección, a chamada procesión das "banderitas"), no día do patrón Santo Tomás Bécquet, nas festas de San Roque, nas saídas das procesións, era un goce...
Mágoa que é algo que se perdeu, agora xa non soan, xa non dobran as campás, agora Manoliño xa non está para bailar e voar coas campás.
Debiamos recuperar nas vilas de Galicia o fermoso e emotivo repinicar das campás en días sinalados, en día de festa. Agora dobran mudas por Manoliño, o "monaguillo" de Caldas que mellor repicaba e bailaba coas catro campás do campanario de Santo Tomás.
"(...) a morte de calquera home arrinca algo de min, porque estou ligado á humanidade; e por tanto, nunca preguntes por quen dobran as campás, porque están dobrando por ti...". (John Donne, 1572-1631).