Xermán Torres
Filgueira Valverde, un home de éxito
A vida académica e profesional de Filgueira Valverde supoñen un éxito persoal e de xeito colectivo triunfou co Museo de Pontevedra (1927, 1929) e co Seminario de Estudos Galegos (12/10/1923-1936), esta última entidade tan importante para Galicia e da que Filgueira Valverde foi o máximo valedor e difusor.
Hai dúas grandes empresas culturais, científicas e educativas de extraordinaria importancia para Galicia e das que Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) foi fundador e impulsor: o Museo de Pontevedra concibido en 1927 e posto en funcionamento en 1929 e o Seminario de Estudos Galegos fundado en 1923 e vilmente suprimido en 1936, institución da que se terá que falar e escribir moito en 2023 por se celebrar o seu centenario.
- IV Asemblea do Seminario de Estudos Galegos en Pontevedra en 1928 -
Compre prestarlle especial atención ao Seminario de Estudos Galegos que nos seus escasos 13 anos de existencia foi un faro de luminosa luz que alumeou e deulle valor á nosa lingua e á nosa cultura.
O Seminario foi fundado por uns mozos e entusiastas universitarios, entre os que imos destacar tres: Xosé Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey (1901-1973) e Lois Tobío Fernández (1906-2003) eran moi novos cando deron forma e fundaron o Seminario de Estudos Galegos, Filgueira e Tobío tiñan 16 anos daquela, pero era uns mozos moi precoces e cunha grande formación e nivel académico e cunha enorme ilusión por soerguer Galicia.
Estes mozos e outros que os acompañaron na aventura cultural do Seminario de Estudos Galegos son coñecidos como a Xeración do Seminario, recoñecidos como epígonos e fillos dos maiores, dos membros da importante Xeración Nós (Losada, Otero Pedrayo, Castelao, Risco, Cuevillas,...) que acolleron con entusiasmo esta orixinal e prometedora iniciativa xuvenil.
Ademais da excelente acollida do Seminario por parte da Xeración Nós, tamén contaron co apoio da Universidade de Santiago de Compostela, citemos o respaldo por parte do Dr. Armando Cotarelo Valledor (1879-1950), catedrático de Lingua e Literatura na universidade compostelá e tamén contaron co apoio do Dr. Salvador Cabeza de León (1864-1934), catedrático da Facultade de Dereito da mesma universidade. Estes dous importantes catedráticos e intelectuais foron o primeiro e o segundo presidentes, respectivamente, do Seminario de Estudos Galegos. A intelectualidade galega do momento e grandes personaxes como o Arcebispo de Santiago, Mons. Manuel Lago González (1865-1925) de feliz lembranza acolleron positivamente e lle deron o seu apoio ao Seminario de Estudos Galegos, do que no vindeiro ano 2023 celebraremos o centenario da súa fundación. Todos os galegos debemos honrar, lembrar e non esquecer endexamais tan digna e gloriosa institución.
O Seminario, na súa breve existencia, organizou importantes acontecementos e actividades, moitas reflíctense na súa publicación, o boletín Arquivos, por exemplo, a Semana Galega en Porto en 1935, destaquemos que os seminaristas mantiveron unha grande relación co "fraterno Portugal", un sabio portugués, catedrático da Universidade de Porto, o Dr. Joaquim Santos Junior (1901-1990) foi colaborador e membro do Seminario. Ese mesmo ano de 1935 e no mes de agosto, organizáronse en Pontevedra por parte do Seminario unhas xornadas pedagóxicas, baixo a denominación de Curso de Extensión Escolar, especialmente pensadas para o maxisterio, pero cunha grande participación de persoas con inquedanzas na cultura e na educación de Galicia, o secretario de organización destas xornadas foi o profesor Filgueira Valverde. Tamén foron moi importantes as chamadas Xeiras, xornadas de estudo multidisciplinar por distintas bisbarras de Galicia e que deron lugar a importantes publicacións, como as celebradas en Melide, Deza, Tras-Deza, Fisterra,... Tristemente, a desfeita de 1936, significou a desaparición do Seminario e a cruel persecución de moitos dos seus membros e a perda e a disgregación dos materiais do Seminario como a súa valiosa biblioteca, incipiente museo,... En fin, neste próximo ano será o tempo de lembranza e de homenaxe a tan insuperable institución, un éxito colectivo de Filgueira Valverde e os seus compañeiros de Xeración.
PARA SABER MÁIS:
AA.VV, O primeiro de Janeiro (Porto, 31/03/1935), 3.
Mª Xosé Fernández Cerviño, "Seminario de Estudos Galegos" en Gran Enciclopedia Gallega, vol. 28 (Vitoria: Silverio Cañada, 1974), 115-118.
Xosé Filgueira Valverde, V Adral (A Coruña: do Castro, 1989), 288-290; 357-358.
Xosé Filgueira Valverde, IX Adral (A Coruña: do Castro, 1996), 181-183.
Alfonso Mato, O Seminario de Estudos Galegos (Sada-A Coruña: do Castro, 2001).
Alfonso Mato, "A desfeita no Seminario de Estudos Galegos" en Grial, 163 (Vigo: Galaxia, 2004), 34-37.
Ángel Serafín Porto Ucha, La Institución Libre de Enseñanza en Galicia (A Coruña: do Castro, 1986), 386-387; 541-542.
Ángel Serafín Porto Ucha, La Institución Libre de Enseñanza y la Renovación Educativa en Galicia (A Coruña: do Castro, 2005), 315.
Germán Manuel Torres de Aboal, "O Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), o labor científico pola construción dunha identidade galega" en Xosé Manuel Cid Fernández et María Victoria Carrera Fernández, XX Coloquio Historia Educación, Identidades, Internacionalismo, Pacifismo y Educación (S. XIX y XX).(Ourense: Sociedad Española de Historia de la Educación, 2019), 185-190.