Ramiro Espiño
Os puntos sobre os íes
"Señor" (entre comiñas) Rodríguez Boullosa:
Leo a súa carta aberta e non saio do meu asombro. Ao longo do fin de semana valorei se contestalo ou non, polo menos na súa alusión a min (aínda que sen nomearme, porque para iso hai que ter unha valentía da que vostede carece). Ao final, e aínda pensando que non paga a pena, porque vostede mesmo se define, decidín responderlle porque entendo que non debía permitir que os insultos, as descualificacións, as baixezas, e a falta á verdade, nunca deben ter a última palabra, máis que nada en atención a aqueles que teñan a sorte de non o coñecer de preto.
Por ese motivo diríxome a vostede, advertíndolle que non haberá máis intercambio de misivas, simplemente porque "a súa verdade", demostrado queda nas respostas que xa recibiu doutros aludidos, non se axusta para nada á VERDADE. Claro que sempre lle quedará a posibilidade de intentar publicar as súas palabras na "súa" revista oficial, esa que vostede lanzou para loor e gloria persoal, pero que pagamos todos, e creo que xa me entende ou dígollo máis clariño?
En primeiro lugar déixeme que lle recorde que vostede presumiu máis dunha vez (e hai testemuñas diso) que se fai falta mente varias veces ao día para intentar conseguir o que pretende.
Quede claro que a miña primeira intención foi ignorar, polo menos neste medio, o contido da súa carta. Pero non se equivoque. Non porque nela me falte ao respecto ou dubide da miña actuación profesional e persoal, senón polo feito de que alguén que utiliza o insulto, a ameaza e o intento de agresión (e hai testemuñas diso) como arma para acalar a quen non lle ri as grazas, non merece a máis mínima consideración, nin persoal nin institucional, polo menos ata que pida as oportunas desculpas.
Ah, claro!, seguramente esquecéuselle a vostede explicar na súa carta, en "a súa verdade" ese "detalle" sen importancia. Pero foi real, aínda que non se fixese público ata agora polo desagradable do suceso. Como real é tamén que as súas "prácticas" nestes pouco máis de dous anos, consistiron frecuentemente en presentarse en redaccións de medios informativos da cidade, ou chamar os seus responsables, premendo, insultando e ameazando o xornalista correspondente ante calquera información ou comentario publicado que non fose do seu agrado (e hai testemuñas diso).
Pero finalmente, porque creemos na liberdade de expresión, demos luz á súa carta, se ben por esta única vez, polo menos en tanto non retire os insultos e ameazas coas que nos obsequiou, tanto vostede coma os seus acólitos recentemente e de xeito público (e hai testemuñas diso).
Mire vostede, "señor" (entre comiñas) Rodríguez Boullosa. As traxectorias das persoas aválanas os anos. A miña como xornalista ten detrás máis de 30 anos seguindo e informando sobre o Pontevedra. Sen dúbida en todos eses anos tereime granxeado algúns detractores (que lle imos facer, nunca chove a gusto de todos), pero tamén, e cónstame, numerosos seguidores que valoran e respectan o meu traballo. A súa como presidente remítese a pouco máis de dous anos, nos cales tivo a rara habilidade de enfrontarse con medio mundo e cabrear o outro medio, meténdose (e metendo ao club) nun charco tras outro.
Neses 30 anos meus (e máis 20 anteriores acudindo a Pasarón como afeccionado), eu sempre sentín e querido ao Pontevedra. Mentres, poderíame dicir onde estaba vostede, que agora fala de "amor polas cores granates"? Pois eu llo direi, bastante lonxe cando para acceder á presidencia alguén tivo que cederlle catro das accións que posuía, xa que vostede nin era socio nin moito menos accionista, e ata dubido que soubese onde quedaba Pasarón.
A vostede o Pontevedra non lle importa máis que o beneficio que poida sacar del, e a súa carta é boa proba. Sae á palestra para volver enturbar o ambiente, cando parece que o barco pode tomar un mellor rumbo, sementando xoio e chuspindo contra todo aquel que non lle ri as grazas (máis ben poucas) que vostede ten. Nada novo, por outra parte.
Na súa carta fai lume a discreción. Contra un compañeiro do consello. Contra os afeccionados, acusándoos de radicais. Por certo, non sabía eu que o Pontevedra tivese máis de 1.000 radicais que se adscribiron a unha plataforma, nin tampouco que 17 Peñas, todas as que ten activas o club, se puxesen de acordo para cuestionar a súa xestión, preparando un escrito no que solicitan o seu cesamento como conselleiro. Que non o sabe, aínda? Non se preocupe, pronto se decatará.
E di que non accedeu ás miñas "pretensiones de asesoramiento del club algo que al parecer si le concedía el anterior Presidente, tanto a él (a mí) como a otras personas relacionadas con el mundo de la información". Non sexa vostede covarde, home. Diga quenes son esas outras persoas do mundo da información. Ah, claro!, non se atreve. Intenta meterse co que considera máis pequeno ou menos poderoso, como medio. Non vaia ser que os demais o deixen co cu ao aire e descúbrase que Pinocho ao seu lado sempre dicía a verdade.
Porque neses máis de 30 anos dos que antes falaba, polo Pontevedra pasaron uns cantos presidentes e decenas de directivos. Resulta curioso que só quixésemos "asesoralo" a vostede. E ademais, quéreme dicir que gañabamos con facelo?
Non é verdade que quen isto escribe non deixase de atacarlle nin un momento. ÿ máis, cando vostede accedeu ao cargo foron moitos os que me dixeron que tivese coidado coas súas maneiras. Outros, os máis benévolos, simplemente amparábanse nas súas "formas" que o perdían con frecuencia. Non lles fixen caso. Outorgueille unha marxe, a pesar de que non tardou en empezar a dar a razón aos seus detractores. Esa marxe durou máis dun ano, ao longo do cal vostede comezou a apuntar, cada vez con máis insistencia, aspectos que sería interminable enumerar agora, e que en moitos casos deixaban a imaxe do Pontevedra en evidencia, custándolle mesmo grandes cantidades dun diñeiro que non tiña.
Non foi senón ata constatar que o que un día alguén expresou en público que era vostede o "presidente máis nefasto da historia do Pontevedra", este xornalista simplemente fixo o seu traballo: INFORMAR. Informar con rigor e veracidade. Dicir o que vostede facía e denunciar as súas actuacións. Se non eran verdade esas informacións por que non as denunciou vostede xudicialmente?
Alá polo primeiro trimestre do ano, alguén a quen aprecio e respecto pediume que lle deixase tranquilo, que lle quedaban poucos días no Pontevedra e que o deixásemos (tanto eu coma os demais medios) marchar dignamente, xa que abandonaría o club no mes de xuño. Fíxeno. Durante máis de tres meses deixei de contar as súas andanzas, aínda a pesar de que vostede seguía emponzoñando o ambiente e protagonizando feitos que en nada beneficiaban á imaxe e ao futuro da entidade. Lonxe de aproveitar a calma vostede creceuse. Creu ter conseguido o seu obxectivo de acalar voces críticas. E de novo comezou a acariciar a posibilidade de seguir gobernando o cotarro.
Porque non. Non cumpriu vostede a súa palabra. Faltou á verdade retorcéndoa. Inventando o termo acuñado polo gran Rodrigo Cota no noso DIARIO DE PONTEVEDRA: "Dimitir para quedarse". Cando ata en tres ocasións (polo menos as que o fixo publicamente) anunciou que se ía, en ningunha delas dixo que o facía para quedarse cunha cadeira de brazos no consello, e menos aínda para realizar manobras na sombra intentando adquirir paquetes de accións que lle permitisen volver ter o control do club.
E non terá o descaro de negar tamén isto (hai testemuñas). Tan certo é, como que non hai moito asistiu a unha comida celebrada en Arcade, cos que pensaba eran os novos propietarios das accións de Nino Mirón, aos que lles pediu que Nino non se decatase desa comida. Por se quere negalo recórdolle que ao final da comida vostede intentou pagar a conta, facendo gala do seu "saber estar e elegancia" botando man a un feixe de billetes sacado do peto para exhibilo enriba da mesa.
Se se quería marchar pode explicar o seu actual interese en comprar accións? Interese, por certo, que choca frontalmente co feito de non o ter realizado no fracaso de ampliación de capital que, segundo vostede, era doada de conseguir.
Non paga a pena seguir. Poderiamos escribir libros sobre os seus "méritos" e falar horas das súas andanzas. Abonde citar algúns exemplos de "perlas" da súa colección que o definen:
Con relación á redución de débeda tras o proceso concursal. Entrevista no FARO DE VIGO, publicada o 4 de xullo pasado. Di vostede, e cito textualmente: "la cantidad de dinero que se ha debido y la que se debe ahora, eso SE LO HE JODIDO, y perdone la expresión, a todas las personas".
Rolda de prensa de presentación do partido Pontevedra-Compostela, con motivo do 50 aniversario do ascenso a Primeira, en presenza de históricos granates: "A los del Compostela LOS VAMOS A JODER".
Por non nos acordar da súa famosa frase acusando de "parroquianos" os afeccionados do Villalonga, ou de considerar que os do Alondras non están a "a su nivel", ou o desprezo aos afectados polas preferentes, aos que manda a "estudiar el reglamento FIFA".
Retratado queda. Retratado está dende hai tempo. Como ilustran os exemplos citados antes, parece que é vostede especialista en "FODER O PERSOAL", ou intentalo polo menos, que non ofende quen quere, senón quen pode. Así que deixe de "foder" o Pontevedra e vaiase por onde veu. Tanta gloria encontre como paz deixará.
Iso si, antes de irse confío en que os accionistas lle pidan as oportunas explicacións sobre a súa xestión e sobre certos documentos asinados por vostede mesmo como presidente, a favor da súa empresa (e hai probas), mediante os cales adquiría unhas accións do Pontevedra en datas que nin estaban á venda nin o club dispoñía de autocarteira sabe vostede o que é iso?
Pois olliño ao parche, que tanto os "radicais" como este "resentido" teñen algo en común que é o que de verdade os move: o seu amor polo Pontevedra, algo do que vostede e os seus asesores carecen.
Fdo.: Ramiro Espiño.
Xornalista e afeccionado do Pontevedra dende o berce (non necesariamente por esta orde).