José Freire
Madrid Arena
Trabuqueime, non volverá a suceder... Máis ou menos estas foron as verbas empregadas polo Rei Xan Carlos cando o famoso viaxe da cacería de elefantes nun país africano.
Que ocasión tiveron os políticos do Concello da Capital do Reino para entoar o mea culpa por acontecementos máis graves como os do Pavillón Madrid Arena, onde perderon a vida catro mozas.
E nada máis lonxe disto, aparte dun comportamento pouco axeitado da Alcaldesa, con viaxe incluído, e de amizades perigosas, enrócanse nunhas xustificacións legais, coa finalidade de xustificala súa incompetencia e deixamento.
Resulta evidente que o Pavillón Madrid Arena carece de licenza de funcionamento e que o devandito requisito é obrigatorio conforme a lei de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade de Madrid.
ÿ radicalmente falso que a Lei do Solo da Comunidade de Madrid do ano 2001 exima de cumprilos requisitos que esixe a citada norma. Esa exención refírese á innecesaria solicitude de licenza urbanística cando é o concello quen planea un edificio. Pero é nese mesmo texto onde se expresa que a devandita exención refírese ao eido da norma en cuestión, como é o planeamento urbanístico, pero que nada ten que ver coas condicións, medidas de seguridade, requisitos, etc. para que se podan celebrar actos deportivos ou eventos públicos en calquera local da Comunidade de Madrid.
Vergoña allea da o ver como nestes días, dende o Concello, sinalábase o artigo 151, logo o 152, despois o 162 da devandita Lei do Solo, intentando ocultala realidade: que o Madrid Arena endexamais tivo os permisos, licenzas e garantías necesarias para o seu uso como centro deportivo e de espectáculos públicos de masas.
O que non cabe pensar é que a licenza urbanística exime do requisito da licenza de funcionamento, pero non porque non cumpra os requisitos, senón porque se autoriza a non cumprilos. Neste caso estariamos ante un fraude de lei e un atentado á seguridade de tódolos cidadás que asisten a calquera acto no devandito pavillón.
Asemade da administración local, neste caso atópanse implicadas a autonómica e estatal, e dende fai varios anos, pola omisión de non haber feito nada ante a denuncia dun funcionario do Corpo Nacional de Policía, responsable da seguridade do pavillón no ano 2006, cursada á Comunidade de Madrid e á Oficina Nacional do Deporte.
Catro mortes deben servir polo menos para que feitos como eses non se volvan a repetir.
¿Ou acaso non son suficientes catro vidas para que as cousas se fagan ben?
Aquí non dimite ninguén nin piden perdón. ¡Vaia casta!
11.11.2012