Xermán Torres
Rara Avis
Tiven a sorte de coñecer e de tratar, uns anos antes do seu pasamento, ao gran intelectual e antropólogo galeguista, D. Antón Fraguas Fraguas, ilustre conveciño de Cotobade, era unha excelente persoa, tal como dicía Filgueira Valverde, nun dos seus Adrais, referíndose a D. Antón e seguindo o apelativo machadiano, razoaba que Fraguas era bo, "en el buen sentido de la palabra bueno". Un día, pregunteille a D. Antón Fraguas: Vde. que viviu tantos anos e que pasou por tantas vicisitudes na vida, que diferencia atopa na sociedade actual con respecto a doutros tempos? Contestoume o sabio galego que antigamente había un maior grao de moralidade e de honradez, que el era o que máis botaba en falta. Como tamén o respecto á palabra dada, a palabra comprometida era lei. Penso que D. Antón Fraguas tiña razón. Nin a moralidade nin o comportamento ético nin a fidelidade á palabra dada son modelos de comportamento que imperen no noso tempo, basta con seguir a actualidade nos medios de comunicación para decatarse. Deberá no momento actual, existir en todos un maior grao de honestidade e honradez. Porque se hai políticos corruptos, como teñen indicado voces autorizadas, é porque a sociedade tamén é corrupta e os cidadáns calan e outorgan.
Tamén observo como mal do noso tempo e da nosa sociedade, que entre nós hai pouco respecto e valoración polo común, cuestión tida moito máis en conta noutros países, por exemplo do centro e do norte de Europa. Dóeme ver como moita xente moza e non tan moza maltrata o mobiliario urbano, cun alto custe para todos. Sobre este tema téñolle escoitado ao ilustre pontevedrés, D. Amancio Landín Carrasco, a seguinte triste expresión: "O que traballa para o común, non traballa para ningún", o que indica a pouca valoración das cuestións comunitarias. Tamén moita xente é moi esixente cos demais e nada esixente consigo mesma. Teño a sensación, e podo estar equivocado e non se pode xeneralizar, que non se fai o suficiente esforzo por ser mellores, tratando de fuxir da mediocridade; poucos experimentan a satisfacción polo esforzo e pola satisfacción do traballo ben feito.
A pesares de todos os tópicos, que pode ser que teñan algo de certo, en momentos puntuais, de especial relevancia, de carácter tráxico ou de situacións límite somos quen das maiores heroicidades e amosamos todo o positivo, toda a humanidade que levamos dentro. Este é un valor moi salientable do noso pobo. Aínda así, deberamos ser máis constantes, máis regulares nos nosos comportamentos cívicos, solidarios; ter un sentido comunitario constante e así seríamos quen de saír de todas as situacións de crise que se presenten. A pesares das nosas contradiccións e das nosas eivas, temos un grande potencial. Temos que crer en nós, axudarnos, ser emprendedores e que esto non sexa cousa dunha "rara avis". O noso país necesítanos a todos, temos que traballar arreo para soerguer Galicia, comunidade con riqueza nas persoas, na cultura, na historia, na nosa lingua, tesouro herdado dos nosos devanceiros. Os galegos temos andado e desgraciadamente aínda andamos polo mundo adiante na busca de traballo e medios de vida. Somos un pobo sinxelo, humilde; pero, traballador, loitador; saquemos, pois, sempre o mellor de nós e faremos realidade que "calquera tempo pasado non foi mellor", que co noso esforzo agárdanos un extraordinario futuro, superemos o momento presente, redobremos os esforzos e será posible a esperanza. Apostemos polo ensino, pola investigación, pola superación. O pobo vén de amosar a súa grandeza e xenerosidade na terrible traxedia ferroviaria que acabamos de vivir, que oxalá endexamais se volva a repetir, fíxose certa a aseveración de Rousseau, quen argumentaba: "O home é bo". Con bondade e solidariedade o futuro é noso, un futuro prometedor, con honestidade e honradez, conseguirémolo.
15.09.2013