Xermán Torres
Cultura, eras ti
Que desgraciadamente neste país non valoramos suficientemente á cultura e que non consideramos que a inversión en cultura é conseguir valor engadido para o conxunto do país, é un tópico xa consolidado pola triste experiencia; unha constante que semella unha maldición ou un destino inexorable e difícil de cambiar.
Pero no país sempre houbo individualidades ou pequenos grupos xeracionais que supoñen a excepción á regra. Hoxe volvemos a lembrar a un vilagarcián que deixou unha pegada inesquecible nos seus contemporáneos e xa quedan poucos que o coñeceran persoalmente. Falamos de Manuel Rey Posse (1890-1952), home de moitas almas e saberes, un home polivalente, tanto esculpía un busto dun personaxe famoso, como escribía un humorístico apropósito carnavalesco, como compoñía unha cantiga, facía un cadro a prumiña, ou era un dos letristas dunha das poucas zarzuelas en lingua galega como A LENDA DE MONTELONGO, restreada hai pouco no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.
Manolo Rey era un home moi popular e moi querido no seu tempo, foi socio de honra do Liceo, sociedade onde representou moitos dos seus apropósitos e obras teatrais. Foi o animador cultural (cando non había Concellería de Cultura nin nada parecido) da Vilagarcía dos anos 20 e 30 do pasado século. A fotografía que ilustra esta colaboración é un retrato de Rey Posse cedida polo seu neto e bo amigo meu, o gaiteiro e etnógrafo, Carlos Rey Cebral, co que conversei tantas veces do seu avó e da súa obra, gran parte dela descoñecida pola maioría dos vilagarciáns. Sería importante realizar unha recopilación fácsimilar da súa obra, sobre todo a de carácter teatral polo seu valor histórico e como testemuña de épocas xa idas, para que non se perda e para que estea ao alcance de todos. Tamén é digno de destacar que foi mestre de ebanistería e doutras cousas doutro grande pintor e artista vilagarcián, Rivas Briones.
Algunhas das súas obras que coñezo e que agora enumero sucintamente aquí:
ESCULTÿRICA:
- Busto en bronce de Agustín Romero (benefactor de Cornazo).
- Imaxe de San Pedro en pedra (na fachada da parroquia homónima de Cornazo).
- Parella de leóns con escudos en pedra (na praza de Ravella diante da Casa Consistorial).
PICTÿRICA:
- Colección de plumiñas e algún cadro en coleccións particulares.
MUSICAL:
- O virapé.
- Foliada de Vilaxoán.
TEATRAL:
- O TRASNO (1920), comedia de gran éxito.
- A LENDA DE MONTELONGO (1924).
- FANTASÍA DE SEVERO (1924).
- MATCH INTERNACIONAL, monólogo que relata un partido de fútbol entre ingleses e vilagarciáns.
- LA PESADILLA DE CHAQUETAS (1926)
- CARTA DE CHAMADA (1952).
E moita máis obra da que os seus familiares saberían dar conta. Finalmente e tamén como ilustración deste artigo, ofrecemos unha prumiña que recrea o entorno da capela de San Roque en Vilagarcía, cedida por Dna. Rosina Sobrido, actual directora do Conservatorio Profesional de Música de Vilgarcía, e que pertence a unha colección familiar.
Consideramos a Rey Posse como un personaxe digno de ser máis coñecido e valorado e a súa obra debera ser máis difundida. Un home todo cultura, que enriqueceu o patrimonio vilagarcián e galego e ademais adornado dun gran amor á terra e dun fino humor.