Xermán Torres
Números homoxéneos vs heteroxéneos
Na nosa infancia ensináronnos que só se poden sumar e comparar números homoxéneos. Na linguaxe neoliberal e fascistoide á que nos queren acostumar soen comparar os sistemas educativo e laboral do noso país con outros que nada teñen que ver con nós.
Os sistemas educativos e laborais dos países asiáticos, por exemplo, non son homologables e constitúen unha competencia desleal cos nosos, xa que máis que estudiantes e traballadores eles teñen escravos.
Outro país co que nos comparan a cotío, e xa é un tópico falso e enganoso, é Finlandia, un pequeno e actualmente rico país nórdico cun clima, cunha educación, cunha cultura e cunha economía moi distintos ao noso. Hai que ter en conta que Finlandia vén investindo en educación desde finais da II Guerra Mundial máis do 5% do seu producto interior bruto (PIB) e nós aínda hoxe estamos moi lonxe desa porcentaxe. E como vimos, a situación de partida tamén é moi desfavorable para nós dende os puntos de vista económico e social.
A pesares de todo, o sistema educativo público que fomos construíndo en España desde a Lei Villar de 1970 e sobre todo na democracia coa LODE (1985), LOGSE (1990), LOE (2006) non é un sistema malo, todo o contrario, si mellorable e perfectivo. Pero, como quen di levamos dúas horas nun sistema máis ou menos democrático, e o sistema logrou un ensino público obrigatorio e gratuíto para toda a poboación e ata o de agora os fillos da clase traballadora tiñan un fácil acceso o ensino universitario e da formación profesional. Pero, lamentablemente a situación está a cambiar para moito peor a pasos axigantados. Coa LOMCE que está agora en trámite parlamentario, concretamente, no Congreso dos Deputados, penso que se vai dar, e como vimos xa se está a dar coa actual política educativa e cultural, un grave retroceso, unha volta moi atrás e moi preocupante. A un científico relevante do noso país escoitáballe dicir nos medios de comunicación que os orzamentos dedicados á Ciencia e a i+D+I están a niveis dunha década atrás, cun retroceso brutal que vai a máis. O que nos espera!
Se non avanzamos en educación, en cultura, en ciencia; que futuro teremos? Desigualdade, miseria, violencia, fame,... Pensemos ben o que temos que facer e poñámonos en acción para cambiar esa triste dinámica.
O ministerio de Economía debería chamarse ministerio da Miseria, pois ao ministerio da Guerra non se lle chama nunca ministerio da Paz. (Jacques Prevert).
A incultura é unha situación que encerra ao home tan hermeticamente como o cárcere. (Simone de Beauvoir).
A educación agocha un tesouro. (Jacques Delors)
17.06.2013