Xermán Torres
Requiem polo noso cine
Moitas tardes dos domingos da miña infancia e mocidade eran tardes de maxia e ilusión, pantalla grande e sala escura; o cine sabía a cacahuetes había pouco tostados e ao arrecendo salitroso de cáscaras de pipas e ao balbordo rexoubeiro do patio de galiñeiro. Longas e pacíficas tardes de cine. As intensas e vividas sesións con Ben-Hur, O que o vento se levou... No cine Avenida de Caldas de Reis sorrisos coa factura de Cantinflas, aquela hilarante Sube e Baixa, o medo infantil co Drácula de Cristopher Lee. As bandas sonoras confundíanse cos sons das cáscaras dos cacahuetes e das pipas.
Máis tarde as sesións infantís das catro da tarde no cine Arosa de Vilagarcía..., as españoladas con Esteso e Pajares, avanzado o tempo disfrutaba con Bienvenido Mr. Marshall, Calabuch, Adiós, cigüeña, adiós,... Nos tempos gloriosos da Transición puiden ver no cine Fantasio da capital arousana, O grande dictador de Chaplin, que me deixou forte pegada, no mesmo cine gocei dun dos grandes musicais da historia do cine, West Side Story e dunha peculiar película, O outro (The Other, 1972). E noutro mítico cine de Arousa, o teatro cine Cervantes, vin unha película que influenciou a moitos grupos, un deles o grupo musical Airiños, a película non podía ser outra que a controvertida, Jesucristo Superstar, dito cine sería pasto das lapas coa coincidencia dunha película de catástrofes, El coloso en llamas. O cine era parte da miña vida, formaba parte dos hábitos de vida de moita xente. Chegou a conformar a miña cultura.
Aínda lembro con nostalxia as actividades, as sesións, os ciclos do cine-club Ádega de Vilagarcía, a sesión cinematográfica de clausura, case sempre no cine Arosa, do Certame Internacional de Cine Afeccionado do Liceo Casino coa estrea ou reposición de grandes películas da historia do cine. Semella que todo rematou, mesmo a esperanza dun cinema galego co que nos ilusionou Sempre Xonxa de Chano Piñeiro. Chegou a morte do cine, a maxia rematou?
Coas novas políticas culturais, coa subida do I.V.E. pretenden afogar ao cine, sobre todo ao cine propio, que sigue baixo o asoballamento e colonización da potente industria norteamericana; a pesares de que como cinéfilo admiro Casablanca e a etapa americana de Hitchcock, sen desprezar as súas etapas británica e alemana. Con esas políticas e coa situación económica actual, e cos novos medios tecnolóxicos estase a producir o afundimento das salas de proxección convencionais, o exemplo da posible desaparición do complexo cinematográfico de Pontevedra. ÿ mágoa porque o cine non é o mesmo sen a maxia da grande pantalla das salas escuras, aquelas tardes de cine, aqueles bicos roubados a escuras, aquelas tardes de cacahuetes e pipas, aquel arrecendo de humanidade, cos ollos abertos, cos corazóns sentindo mil e unha sensacións... Hai que tomar novas iniciativas, buscar o xeito de que a sétima arte non esmoreza de todo.
21.05.2013