Tribuna Viva
A Praza da Chapuza
Foi nos primeiros anos do século XXI cando, a proposta da AA.VV Barcelos-Río Lérez, se lle adicou ao poeta e político cubano José Martí (1853-1895) a praza situada nas confluencias das rúas Santa Clara e Cobián Roffignac de Pontevedra.
Na inauguración da citada praza foi colocado, en lugar preeminente, un busto do poeta, obra do escultor cubano Alfredo Gutiérrez, así como unha placa co verso "Cultivo una rosa blanca". A praza foi inaugurada polo alcalde, o Sr. Fernández Lores e contou coa presenza da cónsul xeral de Cuba en Santiago de Compostela a Sra. María Sánchez, ademais de outros representantes políticos como a Sra. Teresa Casal.
Tempo despois a praza foi modificada. Nesta modificación as dúas pezas, busto e placa, na honra do poeta cubano desapareceron sen que ninguén soubese dar conta de onde estaban. O custo de fundición do busto foron por conta da asociación Amigos de Cuba de Pontevedra, xa que o artista non percibiu cantidade algunha polo seu traballo. Membros de Amigos de Cuba, e tamén da AA.VV Barcelos-Río Lérez, en reiteradas ocasións preguntamos polo paradeiro do citado busto. A resposta sempre foron vaguidades. Cambiaban segundo os días. Un día eran os técnicos. O seguinte que estaban tentando localizar ao artista. E así pasaron tres ou catro anos.
De repente, oh, sorpresa!. De súpeto o conxunto escultórico apareceu. Tan de súpeto que apareceu xa inaugurado. E xa van tres inauguracións da mesma praza. Todo ben. Todo ben agás que se esqueceron, por unha simple cuestión de cortesía, de avisar a antigos membros da asociación Amigos de Cuba. A fin de contas somos copropietarios do busto de José Martí. Esquecéronse de avisar a AA.VV. Barcelos-Río Lérez, promotores do nome da praza. Esquecéronse de moitas cousas. De tantas se esqueceron que hasta se esqueceron de poñer a bandeira de Cuba, a que labraron na pedra ten as franxas do revés polo que non sabería dicir de que país é.
Por eses e outros erros propoño que se renomee a praza de José Martí co nome de Praza da Chapuza.
Juan J. Soto.
Ex secretario e ex presidente da asociación "Amigos de Cuba" de Pontevedra