Xermán Torres
Eu fun testemuña
Entre moitas das virtudes e do bo facer do profesor Filgueira Valverde, hai unha constante que o honra, como era a súa firme defensa e protección do patrimonio histórico material e inmaterial da súa amada Galicia.
Neste como noutros aspectos da súa vida e obra tivo o exemplo de grandes mestres e amigos. Eu vou citar neste momento a catro grandes figuras da nosa cultura, como foron: Casto Sampedro y Folgar, Antón Losada Diéguez, Iglesias Vilarelle e Sánchez Cantón, que constitúen xunto ao seu amigo Filgueira un quinteto de grande relevancia na defensa do noso patrimonio. Os cinco, estreitamente vinculados coa cidade e coa provincia de Pontevedra. Eles son parte esencial dun século, eu diría de ouro para Galicia.
Filgueira, pois, tivo magníficas e benéficas influencias que determinaron a súa fonda galeguidade e a súa fundamentada actitude de defensa do noso rico patrimonio histórico tan expoliado e pouco respectado. Necesitaríanse hoxe homes e mulleres como Filgueira e os seus amigos fortemente implicados para ser firmes valedores do legado histórico.
Eu fun testemuña directa do seguinte feito acaecido sobre o ano 1967 ou 1968, non sería quen, nestes intres, de precisar con total exactitude a data; pero aproximadamente tería eu dez ou once anos. E daquela eu era colaborador (monaguillo, lector, cantor e catequista) na parroquia de Santa María de Caldas de Reis, que posúe unha magnífica igrexa parroquial de estilo románico, digna de visita obrigada. Pois ben, nun valado dunha finca colindante ao adro de dita igrexa (como pode apreciarse na fotografía, obtida do primeiro ADRAL, publicado por Filgueira en 1979, na páxina 264), había unhas pedras labradas artisticamente e moi bonitas; pero, abandoadas e a intemperie. Un día á tardiña chegou á igrexa un señor que debía ser moi importante e que era corpulento, outo, de figura un tanto impoñente, traía con el unha máquina fotográfica nunha cartucheira e correaxe de coiro de cor castaña. D. Marcelino Torres Villar, o párroco, tamén moi vinculado con Pontevedra, estaba un tanto nervioso, está aí D. José Filgueira, o alcalde de Pontevedra! Filgueira interesouse polas pedras do valado que estaba no adro. E reprocháballe ao párroco o lamentable estado e a inapropiada situación daquel monumento, segundo el moi importante e que debera ocupar un lugar máis digno.
Moito tempo despois souben que aquelas pedras eran parte dun importante baldaquino do século XV, que segundo a tese de Filgueira, ben poidera tratarse dunha das primeiras testemuñas gravada en pedra da Descuberta de América. Filgueira dedícalle un artigo no seu primeiro ADRAL, titulado: Un recordo das navegacións en Caldas, nas páxinas 263-266. Hoxe por fin dito baldaquino ocupa un lugar máis digno no interior do templo de Santa María de Caldas. Supoño que as fotos e as influencias de Filgueira tiveron algo que ver no asunto. O que sería interesante sería afondar e actualizar o estudo de tan importante monumento.
11.04.2013