Marta Rodríguez Engroba
Grazas mil! Sen vós non sería posible
Non hai moitas semanas, desde este mesmo espazo, dirixínme a ese suxeito que durante un tempo foi o meu verdugo e que a piques estivo de quitarme a vida.
Hoxe, de novo, quero facer chegar a miña mensaxe a alguien.
Primeiramente, a todas e cada unha de vós, as mulleres que desde hai xa algo mais de tres anos chegades case cada día a Si, hai saída para solicitar a nosa axuda, o noso apoio, e percorrer así, xuntas, ese camiño que sabemos que será longo, difícil, pero que é o pasaporte para esa nova vida que merecedes, unha vida sen terror, na que se vos valore como o que sodes, mulleres valentes, que vos sobrepoñedes a vosa dor, a anulación na que un ser infame vos afundiu, para berrar ben alto que xa abonda, que estades dispostas a loitar e, por suposto, a gañarlle a batalla a maldade, a crueldade máis vil, a violencia de xénero.
Grazas por depositar a vosa confianza en nós. Por valorar o noso traballo lonxe do afán de notoriedade, das fotos, por entender que traballar caladamente non é facelo peor é que quen mais se luce non adoita ser quen traduce ese lucimento en feitos, en axuda real.
Sabede que nos importades, e moito. Que mesmo cando xa sabemos que o peor pasou, que comezades a tocar a felicidade cos dedos, fainos moi ditosas saber de vós, das vosas crianzas, da vosa nova vida, unha vida que queremos pensar que algo, malia que soamente sexa un chisquiño, axudámosvos a construír. Sempre, por moito tempo que pase, teredes un espazo no noso corazón.
E este agradecemento non volo transmito soamente como colectivo. Tamén eu, persoalmente, muller coma vós, vítima coma vós, nunca terei verbas dabondo para expresarvos a miña gratitude polo voso agarimo e polo moito que aprendo de vós, non imaxinades canto!
Sodes toda unha lección de vida para min, e, por que non dicilo, mesmo unha catarse, que agora sei o moito que a precisaba e que nunca tivera.
Non imaxinades cantas veces, lendo as vosas mensaxes, os vosos correos, asoman as bágoas aos meus ollos... Eu, que digo que nunca choro!
Vós facedes que o desalento que as veces é inevitable, como supoño que inevitable é ter inimigos mais ou menos declarados, que por diferentes razóns se empreguen a fondo en tentar borrarnos do mapa, sexa superado, e que, malia os nosos erros, que os temos, claro que si, tentemos superarnos cada día e seguir adiante con esta loita.
Non sería xusto, así mesmo, deixar de mencionar e de dar as grazas tamén a esa xente que nos le, que nos escoita e que nos apoia, porque fai que a nosa tarefa cobre mais sentido cada día, e que o noso tesón medre.
Nos non precisamos recoñecementos públicos, nin ser nomeadas nos medios de comunicación ou relacionarnos coa élite. Soamente precisamos que nos digan que o que estamos a facer ten sentido, como tamén o ten que sigamos adiante.
Non hai tesouro maior que os vosos ánimos cando veñen mal dadas, cando se nos ataca ou se nos descualifica. Sodes moi grandes, e merecedes que loitemos por mellorar cada día.
A loita contra a violencia de xénero non é flor dun día. Non é unha moda que se adopta ou se deixa según conveña. Non se pode enganar a quen ven desesperada por sair do inferno, nun afán de acadar beneficios ou prestixio. A menos, claro está, que non se teña nin o mai mínimo escrúpulo. Nese caso todo vale.
Coas vidas non se xoga, e, se algo me supera, son eses "brotes" de concienciación que case cíclicamente aparecen, nos que alguien aproveita para deixarse ver, para tentar facer "carreira", pero que non contan no seu haber nin con un só minuto de traballo real, de axuda de verdade, da que se lle presta a mulleres con nomes e apelidos. Facer eventos, lanzar arengas grandilocuentes e achegarse a quen convén poden chegar a dar, por un tempo, certo prestixio, pero acaba por delatar a quen está tentando disfrazar a súa ambición de solidaridade, de empatía.
Pero tamén a vós, a cantos tentades sacar rendemento dunha lacra que tantas vidas se está a levar por diante, dámosvos as grazas, porque lonxe de desanimarmos, como obviamente pretendedes, sodes un aliciente para cobrar forza cada día, tentar mellorar e contínuar adiante con máis ánimo que nunca.
Temos, ademais, a segredo infalible para non desfalecer: crer no que facemos.
Non é doado de conseguir e non todo o mundo ten acceso a el, pero, confirmado... funciona!
Asociación Si, hai saída