Xermán Torres
Lembranza dun mestre inesquecible, D. Victoriano Rosales
Na Graduada de Nenos de Caldas de Reis fun alumno de D. Victoriano Rosales no curso 1968-1969, de quinto de Primeiro Ensino ou Ensino Primario. Naquela época estábase a fraguar a chamada reforma educativa de Villar Palasí, circulaba en 1969 o chamado Libro Branco, algo pretendía levarse a cabo na malfadada educación española e xurdiría a Lei Villar de 1970.
Mentras todo eso ía suceder, coa miña experiencia persoal e a doutros condiscípulos constatar que D. Victoriano era un gran mestre, un mestre excepcional, honesto, austero, exemplar. Para min que o seu forte era o ensino das Matemáticas, aínda que o facía moi ben en todo. Tiña unha grande autoridade moral, nas súas clases non cabían os problemas de indisciplina (tampouco os nenos daquela e o ambiente case marcial daban lugar a ningún desmán, anque as súas cousiñas había), a súa palabra e a súa presencia abondaban e algunha que outra labazada ou tirón de orellas (moi infrecuentes por certo).
Naqueles tempos a escola pública estaba abandonada, as instalacións máis que tercermundistas, as goteiras acompañábannos coa súa música ao caer nos cacharros e recipientes vellos que había diseminados pola aula, os aseos, se a aquelo se lle podía chamar aseos, eran inmundos; se podía, aguantaba ata chegar á casa para non ter que usalos do noxo que me daban. Naquel ambiente paupérrimo sobresaía a sobranceira figura inconmensurable do gran mestre, cheo de prestixio ganado a pulso polo seu bo quefacer e pola súa calidade humana e profesional.
O ensino das Matemáticas era moi práctico coa resolución e corrección de problemas por medio da pizarra e do pizarrín (lembro os exercicios coas áreas das principais figuras planas, os quebrados,... D. Victoriano ilustraba moi ben todo por medio de debuxos e exemplos moi claros; así como a corrección inmediata. Os exercicios de lingua, utilizando a lectura comprensiva mediante pequenos e seleccionados textos e da introducción á análise morfosintáctica. A aprendizaxe da Xeografía de España, de Europa e doutras partes do mundo era moi curiosa, dividíamonos en pequenos grupos diante dos mapas e coa axuda do punteiro íamos repasando a xeografía política e física. Recordo que os sábados pola mañán, entre outras cousas, faciamos un comentario do evanxeo do domingo ilustrado cun debuxo
Ínase introducindo novas prácticas, o intercambio con outro colexio de fóra de Galicia, pedírannos unha calcomanía co escudo da nosa provincia, entre todos conseguimos o escudo e respostamos ao inquérito. Logo unha grande novidade, dende a delegación provincial de educación chegou un televisor á escola, nel puidemos ver programas do que se chamaba a televisión escolar ("h, i, j, k, l, m. n, a, / es la hora de la tele (bis)/, televisión escolar"; creo lembrar que esa era a cantinela). Nela puidemos observar o comezo televisivo de quen chegaría ser unha grande figura, o Dr. Félix Rodríguez de la Fuente, cos seus programas de Natureza e tamén seguimos a era espacial americana por medio do programa Apolo, contemplando os despegues dos cohetes e a volta á Terra das cápsulas espaciais.
D. Victoriano era o director da Graduada e cada primeiro de mes trasladábase a Pontevedra a recibir a súa paga e a dos outros compañeiros, esa día, era un día especial, os nenos sabiamolo e moitos aproveitaban para latar ás clases e trasladarse a xogar á veciña carballeira, chamada en Caldas a "Feira", os máis ousados ían máis lonxe, camiñando á beira do río Umia, chegaban ata a fermosa fervenza de Segade, era un día ao mes de certo descontrol na escola, faltaba o seu director e esto permitía certas licencias imposibles noutros días.
D. Victoriano chegaría a ser o primeiro director do colexio público Afonso VII de Caldas de Reis, froito da nova política de concentracións escolares e de novos centros de mellores condicións e máis acordes cos novos tempos. Máis tarde trasladaríase a Pontevedra e sei que foi mestre no colexio público "Xunqueira I". Lémbrome con agarimo da súa filla Ana e do seu fillo Víctor, compañeiros na Graduada, servan estas palabras coma unha homenaxe e como tributo do meu agradecemento a un dos meus mellores mestres, que me marcou na vida para ben e para chegar amar o estudo e o coñecemento, se son mestre en parte tamén é grazas a el. Coido que o pobo de Caldas de Reis debera facer algún acto, como gratitude a un gran mestre que foi sementando un facer calado, pero eficaz a prol da mellor educación do pobo. Por sempre, D. Victoriano Rosales, no meu corazón e na miña mente, que gardan con agarimo aquelas experiencias infantís na vila termal, na vila de dona Urraca.
18.03.2013