Xermán Torres
A escola, para quen a traballa
Case todas as reformas educativas no noso país son letra morta porque se fan á marxe de quen vive a cotío a realidade escolar: profesorado-alumnado-familias. Cabezas ben pensantes, gabinetes de "sabios" alonxados do quefacer diario das aulas e ata o de agora todas as reformas ían sen a suficiente e necesaria financiación. Logo o maior defecto é que os partidos políticos non se poñen dacordo, por razóns partidistas e electoralistas, no tan necesario e reclamado pacto de estado pola educación. Aos docentes vólvennos tolos co galimatías que supón a lexislación educativa española. Penso que a educación debe estar fóra do xogo político e non utilizala como moeda de cambio para obter non sei que. Todos deberamos ser conscientes da importancia da educación da nosa infancia e da nosa mocedade, estámonos a xogar o futuro, o futuro da nosa sociedade e do noso futuro benestar. Como dicía Delors "a educación supón un tesouro". Europa debera apostar por unha educación e por unha cultura ben tratada orzamentariamente e en todo tipo de recursos.
A nova reforma educativa (a nova lei, a LOMCE) tan denostada e rexeitada por unha grande representación da comunidade educativa fai fincapé e presupostos puramente economocistas e eficientistas, pensando en termos empresariais e bancarios, acaso cren que educar e algo así como fabricar "tornillos"? Que os defectuosos rexéitanse e xa está. A escola é para todos, eficientes e deficientes, debe ser acolledora e brindar experiencias e oportunidades gratas para todos. Unha escola colaborativa, participativa; onde todos se preocupan por todos, e onde caben todos sen discriminacións. O valor da inclusión hai que telo moi presente en educación. A educación debe servir para traballar por unha sociedade solidaria, aberta, integradora. A educación debe estar orientada en fomentar a armonía e a felicidade persoal e social, a realización de todas as persoas, sen discriminacións, no marco dunha sociedade xusta e amable con todos os seres humanos.
Os países que invisten en educación, que valoran e respectan aos docentes, que miman as súas escolas, que poñen en valor o seu patrimonio cultural e histórico son os países que avanzan e que sementan futuro para a súas poboacións. España durante moitos anos e incluso agora inviste pouco do seu PIB en educación e en cultura, mentres moitos países europeos, por exemplo, dende despois de finalizada a II Guerra Mundial, invistiron e invisten moito máis do seu PIB que nós en educación e en cultura e eso incrementou o seu nivel de vida e mellorou as súas perspectivas de futuro. Con estas políticas "cicateras" de desinversión en educación, en sanidade e en servicios sociais non se consigue máis que traer pobreza, malestar na poboación e minar as nosas esperanzas de futuro. E así a xente, a mocedade ten que emigrar (outra vez a lacra da emigración) para poder ter un mellor porvir, que no seu país se lle nega. Actualmente, en España faltan uns plans, un proxecto de país, semella que nos estamos desinchando, estamos perdendo fuelle, que estamos matando a ilusión, falta alegría, falta unha boa planificación, unha boa análise da realidade e un deseño das medidas que deberamos tomar. Quizáis se reflexionamos nesta frase atribuída a Otto von Bismarck, podemos atopar a clave do que está a suceder: "O político pensa na próxima elección, o estadista na vindeira xeración".
18.02.2013