Tribuna Viva
Vivenda de aluguer de verán en Sanxenxo
O anteproxecto de Lei sobre a vivenda de aluguer para veraneo en Galicia está a ser moi polémico. Un dos principais núcleos desa polémica atópase no municipio Pontevedrés de Sanxenxo.
Neste Concello enfróntanse dúas formas de ver o problema. Por unha banda está o clúster turístico formado polos hostaleiros e polo outro os pequenos propietarios de vivendas. Estes últimos aproveitan o verán para obter uns ingresos que, en moitos casos, son os únicos que entran neses fogares en todo o ano.
O luns, no pleno municipal, expúñase este asunto. O PP e os seus escindidos locais (SAL) apoiaban a continuidade do proxecto de Lei argumentando (falsamente) que os requisitos esixibles aos propietarios de vivendas turísticas eran mínimos. Aviturga (Asociación de vivenda Turística de Galicia) víu así rexeitada a moción de apoio que presentara a debate no pleno.
O Círculo de Podemos en Sanxenxo, que xa denunciara hai meses as moi graves consecuencias que a aplicación desa norma podería carrexar, lamenta este tipo de actuacións que mostran de novo cal é o verdadeiro obxecto das políticas do Partido Popular e os seus satélites (SAL), que non é outro máis que a protección dos privilexios económicos dalgúns fronte á maioría.
Mentres a dereita segue apoiando ao capital, esquecendo a difícil conxuntura económica e a idiosincracia da zona, a asociación Aviturga e o círculo de Podemos en Sanxenxo denuncian o despropósito dunha normativa que deixaría fóra do mercado a 3 de cada 4 vivendas turísticas, aplicándolles, entre outras, a lei de accesibilidade a inmobles construídos fai decenas de anos, cando esa lei (e por tanto os seus requisitos) non existía.
Asistimos, en resumo, a unha escenificación da xa longa loita deste sector para conservar o dereito para manter a súa forma de vida e a levar algún sustento aos fogares, fronte á apisoadora do clúster turístico cuxo único obxecto é o beneficio empresarial.