Xermán Torres
O Dr. Santos Junior, un sabio portugués, amigo de Filgueira Valverde
Sabida é a grande consideración que os galeguistas sentían e sinten por Portugal, "o fraterno Portugal", como soían decir. Filgueira, un Filgueira moi mozo, acude en 1935 a unhas xeiras de intercambio cultural en Portugal, acompañado, entre outros, por Fernández del Riego, Otero Pedrayo, participan alí en varias cidades en múltiples actos culturais. Membros da Xeración Nós, do Seminario de Estudos Galegos, do movemento galeguista disfrutan dunhas xornadas inesquecibles nas terras, queridas terras lusitanas, a Semán Galega do Porto.
Sería nesa e noutras experiencias con eruditos portugueses cando Filgueira coñecería e entraría en contacto co profesor e investigador portugués, Dr. Santos Junior, co que chegaría a establecer unha estreita e amical relación, quen participaría na Comisión Organizadora de ditas xeiras culturais e científicas. Santos Junior, durante moitos anos, pasou un tempo de verán en Galicia, e máis concretamente no Balneario Hotel Dávila de Caldas de Reis, onde ía tomar as saudables augas termais da terra onde se veneraba ao deus Edovio. E sempre reservaba un tempo ao chegar para visitar no Museo de Pontevedra ao seu amigo Filgueira Valverde co conseguinte intertroco de agasallos, que se unha novedade bibliográfica, algunha peza antiga digna de interese e a parolar das novas sobre cultura, ciencia, antropoloxía,... O portugués era un polígrafo como Filgueira e multititulado universitario, era, incluso, licenciado en Medicina. As súas chegadas anuais a Pontevedra, camiño de Caldas, onde ía a "descansar traballando", relátaas así Filgueira: [era] "tan puntual e metódico que, no Museo de Pontevedra, xa sabiamos a data e a hora da súa chegada, sempre con libros para a Biblioteca e con galanos para os amigos".
Eu tiven a sorte de coñecer en Caldas de Reis ao Dr. Santos Junior, eminente antropólogo, etnógrafo, investigador,... nos anos 1969 e 1970 coincidín con el no entrañable Hotel Balneario Dávila, situado nun entorno natural privilexiado a carón do río Umia e cuns xardíns e cun canaval digno de ser visitado. O sabio portugués posuía daquela un coche moi curioso, un modelo da Volkswagen, denominado escaravello que tiña uns intermitentes que se estendían e contraían facendo un ruidiño característico, a min chistábame moito o modelo aquel. O Dr. Santos Junior era unha persoa encantadora e moi agarimoso. No balneario consérvanse uns mosaicos ao estilo portugués, como agasallos de Santos Junior e onde escribe fermosas palabras de louvanza ás sanadoras augas termais caldenses.
Filgueira mantivo sempre unha excelente relación co investigador portugués e no Adral hai un artigo onde lembra e rende homenaxe ao erudito portugués, sería interesante ter rexistrada algunha das súas longas parrafadas. Concretamente, no VI-Adral, edicións do Castro, 1990 (pp.303-305), Filgueira desfaise en eloxios do sabio portugués, a quen o polígrafo pontevedrés denomina "un representante de Galicia" e que "é un de nós". Este artigo de Filgueira vén motivado por ser nomeado Santos Junior membro de honor da Real Academia Galega e tamén co gallo da celebración do coloquio "Gallaecia" o 9-IX-1988. Filgueira di que o seu amigo destaca pola "ledicia no traballo" e tamén pola "tenacidade e a entrega ós compañeiros, amigos e discípulos".
Santos Junior "incorporouse tamén moi cedo ó 'Seminario de Estudos Galegos' (...), colaboura mantida logo co 'Instituto P. Sarmiento'. No Museo de Pontevedra dirixiu unha das máis froitosas campañas de excavacións na Lanzada". Penso que deberamos manter vínculos máis estreitos coas universidades e centros de estudos de Portugal, como pretendían os sabios galeguistas e que o país veciño, o país irmán deixe de ser un grande descoñecido para a maioría dos galegos. ÿ digna de lembrar a relación entre Filgueira e Santos Junior e sen dúbida habería que afondar no coñecemento deste sabio portugués tan amante de Galicia, que era un galego máis. E finalmente, ningún de nós deberiamos de deixar de ler e reler e de consultar os Adrais de Filgueira Valverde, que en vida deixounos, agasallounos con nove volumes. Haberá material suficiente, sen ningunha dúbida, para seguir publicando, aínda que sexa postumamente, máis Adrais do noso querido e lembrado Filgueira Valverde, un pontevedrés inmortal.
10.02.2013