Ramiro Espiño
"Mou" e "Mau"
Hoxe si o título é o que parece. Esta columna vai dedicada a dous personaxes controvertidos, un a nivel nacional (ou mesmo internacional), outro a nivel local (case parroquial). Os dous, salvando as distancias siderais que lles separan, teñen analoxías, pero os dous tamén concitan por igual controversias coa súa forma de actuar.
Iso si, mentres un ten gañado por dereito propio un lugar destacado no concerto futbolístico mundial, con seguidores e detractores repartidos case a partes iguais, o outro ten como único e dubidoso "mérito" ter concitado no menor prazo de tempo posible unha rara unanimidade na facilidade para ir facendo "amigos" coa mesma velocidade coa que arrastra o nome e a historia do Pontevedra, ata deixalo na máis baixa das cotas inimaxinables.
"Mou" e "Mau". Primeira coincidencia: Os dous encontráronse nas súas mans cun "xoguete", regalado por outros que lles permiten manexar ao seu antollo, ata chegar a crerse os donos.
"Mou" e "Mau". Primeira diferenza: O primeiro sabe de que vai a cousa esta do fútbol, pero o segundo nin se decata, aínda que se crea o máis listo da clase e se permita dar leccións técnicas e tácticas, coa "importante" bagaxe que lle dá a súa militancia no seu equipo de fútbol veterano.
"Mou" e "Mau". Segunda coincidencia: Un dá clases de madridismo, aínda que sexa un recén chegado, o outro dáas de granatismo, obviando que el nin sabía onde quedaba Pasarón ata que o puxeron no cargo.
"Mou" e "Mau". Segunda diferenza: O primeiro será antipático para moitos, pero gañouno todo no mundo do fútbol, o segundo nin sequera empatou con ninguén e aínda así crese o rei do mambo.
"Mou" e "Mau". Terceira coincidencia: Mentres un se vai ver adestrar o seu fillo en lugar de cumprir nun acto de relevancia do fútbol mundial, o outro vaise a un partido do seu equipo de veteranos en lugar de acompañar ao equipo que preside? nun partido importante.
"Mou" e "Mau". Terceira diferenza: Mentres un sabe de que fala, o outro fala do que non sabe.
"Mou" e "Mau". Como os de Palacagüina, "á cuarta"...ni o soñes: Mentres un mide perfectamente os tempos e tira proveito intelixentemente do que máis lle convén no seu ben e o do seu equipo, o outro é un simple paniaguado que nunca pensou que podería chegar a máis (nin o Pontevedra a menos).
E así poderiamos seguir ata o infinito, pero como os "mandamentos" estas coincidencias e diferenzas encérranse en dous: Estarán nos seus clubs ata que lles conveña e cando se vaian importaralles un beldro se os deixan convertidos en verdadeiros soares.
Claro que tamén aquí hai diferenzas importantes. Mentres o Madrid pola súa grandeza se recuperará deseguida, o Pontevedra sufrirá durante moito tempo as consecuencias dun individuo que leva camiño de pasar á historia como un dos personaxes máis daniños que ocuparon a poltrona do club granate, que xa é difícil.
"Mou" e "Mau". Unha sóla letra, unha sóla vocal de diferenza. O de "Mou" que o arranxe Florentino, pero o de "Mau" a este paso non o arranxa nin Dios...salvo que interveña (e pronto) a "Virxe de Guadalupe".
04.02.2013