Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Cegoñas no fondo da ría'
Cegoñas no fondo da ría é unha obra narrativa do mestre Manuel Lourenzo González. Está formada por vinte e catro relatos baseados en sucesos reais acontecidos en Pontevedra vernizados cunha pátina de fantasía.
Os relatos apareceron escritos orixinalmente en Pontevedra Viva en forma de colaboración mensual. O libro foi aparecendo por entregas ao longo de dous anos, desde o 16 de decembro de 2012 até o epílogo publicado o 28 de decembro de 2014. Foi unha boa serendipia que o remate coincidise co día dos Santos Inocentes, pois fomos bastantes os lectores que picamos o anzol e demos por boas as historias contadas. Ou quizais non foi tanta serendipia: o título do libro débese a que cando o autor era novo foi vítima dunha inocentada do Diario de Pontevedra, que anunciara nas súas páxinas a presenza dunha bandada de cegoñas na Xunqueira de Alba.
Os contos teñen a súa razón de ser no momento de apareceren publicados: así, o relato sobre San Sebastián apareceu un 20 de xaneiro, falouse de Ravachol coincidindo co entroido e en agosto saíu un texto sobre as Festas da Peregrina. Hai tamén espazo para as efemérides, como o aniversario da publicación de Cantares Gallegos, e tamén para os eventos de máxima actualidade, como a dimisión do papa Bento XVI ou a apertura do novo edificio do Museo de Pontevedra.
Mediante un disfrace de verosimilitude, –e cun leve exercicio de imaxinación por parte da persoa lectora– o libro permite introducirse en aventuras protagonizadas por viaxeiros de épocas tan diversas como Marco Polo ou Jules Verne, gobernantes como Xulio César ou Don Dinís, e artistas como Rosalía de Castro ou Elvis Presley. Mais tamén aparecen, como non podía ser doutro xeito, pontevedreses tan senlleiros como Chariño, Manuel Quiroga, Ravachol ou os Mariño de Lobeira. Esta verosimilitude vén dada por unha fonda documentación no transfondo histórico e mais por un relato do cotián que por veces amosa o lado máis humano dos personaxes. A historia fálanos de épica, esforzo e rudeza, pero Cegoñas desde o fondo da ría permite reconstruír o pasado con empatía, sensibilidade e humor.
As referencias deste realismo máxico remiten a Borges e Cunqueiro, pero tamén ao Torrente Ballester de La saga/fuga de J.B. Quizais non sexa casualidade que o autor e o prologuista, Luís Bará, coincidisen como docentes no IES Torrente Ballester. E o feito de ser Manuel Lourenzo docente de Lingua e literatura galegas reflíctese non só na aparición de obras como Cantares Gallegos, senón tamén na querencia pola etimoloxía cos xogos que practica no relato “Novas sobre o descubrimento”, ao dar unha posible orixe chinesa para os neoloxismos aturuxo, furancho, lacón ou chimpín.
A obra foi editada por Urco Editora da man de Tomás González Ahola. Péchase deste modo un círculo vilaboés cun autor, un prologuista e un editor deste concello, círculo do que se acada a cadratura con esta lectura feita desde Figueirido.