'Cegoñas no fondo da ría', os artigos de Manuel Lourenzo publicados en PontevedraViva chegan á Feira do Libro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O prolífico escritor pontevedrés Manuel Lourenzo González presentará o próximo 4 de maio na Casa das Campás o seu último libro 'Cegoñas non fondo da ría' (Urco Editora), unha recompilación dos 25 relatos publicados en PontevedraViva entre o 16 de decembro de 2012 e o 28 de decembro de 2014. Como anticipo, o autor achegouse este xoves 16 á Feira do Libro que se desenvolve na praza da Ferrería para asinar exemplares desta publicación.
Pola caseta da Libraría Paz na que o autor atendeu aos seus lectores achegouse o concelleiro Luis Bará, encargado de escribir o prólogo desta edición no que destaca a recreación dunha Pontevedra máxica habitada por personaxes e por aventuras que combinan elementos históricos con invencións fantásticas, ilustradas por Denís Fernández. Nestas narracións cóntase como Elvis Prestley rematou cantando nas festas da Peregrina durante unha verbena ou as peripecias do primeiro PTV. Con ton humorístico, Manuel Lourenzo desprega o mellor da súa narrativa nestes relatos que, tal e como explica Bará, constitúen pequenas novelas.
OUTRAS ACTIVIDADES
A Feira do Libro continúa, ademais, con diversas actividades destinadas a adultos e tamén a nenos como obradoiros de creación de gominolas naturais ou sesións de contacontos.
Durante este venres 17, a escritora María López Sández presentará 'O faro escuro' e Xesús Constela asinará exemplares de 'Apoteose das perchas'. Durante o fin de semana, a Feira contará coas presentacións de 'Historia de Galicia' de David Pérez; a última obra da Editorial Kalandraka, 'Os anacos da casa', con texto de Xosé Manuel González "Oli" e ilustracións de Natalia Colombo.
O domingo 19 finalizará a Feira coa presentación do libro 'Os manuscritos de París', de Juan Pablo Rodríguez.
Relacionadas:
-
Dimes e diretes sobre unhas estrañas criaturas
Por Oskar Viéitez |
-
Manuel Lourenzo, Premio Jules Verne 2017 pola súa obra xuvenil "Ceiba de luz"
Por Alejandro Espiño |
-
A Feira do Libro de Pontevedra capea a crise con máis axuda municipal
Por Redacción |
-
Manuel Lourenzo: "Durante dous anos non fixen outra cousa máis que escribir 'Cegoñas no fondo da ría'"
Por Anxo Lourido & Daniel Santomé |
-
'Cegoñas no fondo da Ría', unha achega á historia literaria de Pontevedra agora en formato papel
Por Redacción |
-
Comeza a Feira do Libro Novo con Filgueira Valverde como referencia
Por Anxo Lourido |
-
Sete librerías participarán na Feira do Libro Novo malia que "non é rendible"
Por Anxo Lourido |