Xermán Torres
Castelao, pontevedrés por opción
"Todo, todo pode acabarse en min, menos o amor que sinto por Pontevedra". (Meu Pontevedra. Bos Aires).
Castelao (1886-1950) chega a Pontevedra o 15 de xaneiro de 1916 para tomar posesión da súa praza de funcionario como auxiliar no Instituto de Estatística, situado no edificio da Delegación de Facenda, no que noutro tempo fora o convento dos franciscanos, no centro mesmo da cidade, preto da praza da Ferrería, da igrexa de San Francisco e do Santuario da Peregrina. Instalarase moi cerquiña, na rúa da Oliva, onde tería durante certo tempo o seu fogar. Será unha contorna urbana, un espazo moi frecuentado e familiar para Castelao, a súa xeografía querida, desexada, vivencial. Pola que sentiría saudade no seu obrigado, imposto exilio bonaerense.
Ademais dese emprego público, que non daba para vivir con folganza, axiña exercerá como profesor auxiliar e encargado da cátedra de Debuxo do Instituto General y Técnico e tamén chegará a exercer dita disciplina na Escola Normal. Castelao intégrase facilmente na vida social e cultural pontevedresa, nada máis instalarse, pronuncia a conferencia: Algo acerca de la caricatura na sociedade local do Recreo de Artesáns, que logo sería publicada. En 1917 preside o tribunal de ingreso ao instituto, que tamén realiza o neno, Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), no seu legado custodiado no Museo, pode observarse unha papeleta coa firma de Castelao como presidente e coa indicación de aprobado. Coincide nesa mesma época como alumno do instituto outro neno, que será o mellor amigo e compañeiro de Filgueira, Luisiño Pintos Fonseca (1906-1959), quen andado o tempo desempeñaría esa mesma auxiliaría de Debuxo no mesmo instituto. Pintos recibiría a influencia artística de Castelao, pertencendo á chamada escola linoleoista de Pontevedra, da que o rianxeiro era o mestre.
Castelao participa en canta tertulia hai, por exemplo, a famosa do Café Moderno. E chega a pertencer ao famoso, orixinal e exclusivo club pontevedrés que se denominaba Karepas, do que eran membros, entre outros, Francisco Javier Sánchez Cantón (1891-1971), quen en palabras de Antón Fraguas era un señor moi pontevedrés, Antón Losada Diéguez (1884-1929), quen foi a alma mater da xeración Nós, tamén se atopaba entre os karepistas o amigo xaponés de Castelao, Masaki Yodogawa. Este club argallaba toda sorte de actividades, combinaba deporte (navegacións a remo polo río Lérez, as típicas que se facían nas festas co gallo da romaría de San Bieito) con outras de tipo social e cultural. Neste churrusqueiro club, Castelao era alcumado como Palleiro.
En 1925, Castelao participa na fundación da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, onde se encadra na corda dos baixos, seu amigo e “irmán menor”, Alexandre Bóveda (1903-1936) canta como tenor e preside a Sociedade, Antón Losada Diéguez, o seu primeiro director foi Antonio Blanco Porto (1890-1940) e tamén colaboran Filgueira Valverde e Antonio Iglesias Vilarelle (1891-1971), quen sería o segundo director e director por moitos anos, despois da sentida perda de Blanco Porto.
Castelao intervén moi activamente na configuración, fundación e posta en marcha do importante Museo de Pontevedra (1927; 1929), xunto a, entre outros: Casto Sampedro (1848-1937), Daniel de la Sota (1878-1958), Losada Diéguez, Sánchez Cantón, Filgueira Valverde. Castelao pertenceu ao Padroado do Museo, a súa vacante por ausencia obrigada nunca foi cuberta. Ademais o Museo conta co máis importante da súa obra e tenlle dedicadas varias salas a súa importante obra e a obxectos e recordos persoais.
O mestre rianxeiro, egrexio galego, tamén cumpriu unha función moi importante durante o mandato de Daniel de la Sota Valdecilla como presidente da Deputación Provincial de Pontevedra (1924-1930), xa que exerceu como presidente dos tribunais que outorgaban as bolsas, becas para artistas galegos noveis, das que se beneficiaron mozos que chegarían ser grandes persoeiros das nosas artes, como Maside, Laxeiro, Colmeiro,... Foi un importante labor nese sexenio que poderiamos catalogar como a etapa de ouro da dita Deputación.
Castelao nos vinte anos, da súa querida e lembrada etapa pontevedresa, madurou e conformouse como a grande personalidade galega do século XX, como inmellorable e influente artista, escritor, político... chegando ser o galego por antonomasia, un insigne cidadán que entregou a súa vida, o seu arte, as súas calidades ao servizo da súa amada Galicia. Un dos que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar.
BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA:
- Filgueira Valverde, X. (1987): IV Adral. Do Castro. A Coruña.
- Otero, D. (1991): Castelao corenta anos despois (1950-1990). Do Castro. A Coruña.
- Paz Andrade, V. (2012): Castelao na luz e na sombra. Galaxia. Vigo.
- Porto Ucha, A. S. (1994): A Escola Normal de Pontevedra (1845-1940). Universidade de Santiago de Compostela. A Coruña.