Francisco Freire Vila
Axudas imposibles
...follas individualizadas de seguimento das beneficiarias, na que ademais de identificación das fillas e fillos participantes nas actividades, debe facerse constar o tramo de ingresos da unidade familiar, e os datos do perfil e resultados obtidos, dun dos proxenitores, preferentemente da nai... (artigo 15.g)
...deberán presentar a declaración do IRPF de 2014 das unidades familiares ou certificación dos ingresos percibidos nesa anualidade emitida pola AEAT... (artigo 15.h)
Estes dous parágrafos parecen normais pero a cousa empeza a cambiar se aclaro que pertencen á resolución que a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta vén de publicar e na que se establecen as bases que rexerán as axudas para a realización, polas asociacións de nais e pais, de actividades complementarias e extraescolares co fin facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Neses dous parágrafos recóllense tan só dous tipos de documentación dos nove que unha ANPA ten que entregar para optar ás axudas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nun 80 %. Pero non é o número o que asombra, o que sorprende é o tipo de documentos que se lle pide a unha ANPA como os que recollen os ingresos das nais e pais cuxos fillos son compañeiros e/ou veciños dos seus.
Ademais da xestión da(s) actividade(s) obxecto da subvención, exíxeselle control e supervisión, hai que lembrar que unha ANPA non é unha Administración pública, é unha entidade formada por persoas voluntarias que invisten o seu tempo na consecución dos fins que recollen os seus estatutos, ademais, non está habilitada para manipular certo nivel de información persoal e privada que a propia Lei de protección de datos regula.
Para iso só quedan dúas vías, seguir como se viña facendo en anos anteriores ou que sexa a mesma Administración a que se encargue de recoller directamente a documentación, sobre todo a que é tan sensible.
Por outro lado, non ten moito sentido que, nestas actividades extraescolares obxecto das axudas e que teñen como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, só se teñan en conta as unidades familiares con ingresos inferiores a 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM); xa que, precisamente para conciliar a vida familiar e laboral, as familias que maioritariamente mandan os seus fillos a estas actividades son as que traballan os dous proxenitores.
Está ben que a Administración optimice os recursos e que Europa impoña un control dos seus fondos pero se non se pode acadar a dita subvención pola dificultade ou imposibilidade de achegar a documentación exixida, entón, a finalidade da subvención queda baleira. Sería máis sensato empregar fondos propios e non do Fondo Social Europeo, máxime cando a cantidade que se destina a estas axudas para toda Galicia é irrisoria: 250.000 euros.