Francisco Freire Vila
Que carallada!
Hai dúas maneiras de ler a prensa, facendo unha lectura pasiva para informarse do que está a pasar ou facendo unha lectura crítica dende unha perspectiva política, filolóxica, social, etc. ÿ este tipo de lectura a que nos induce a certas reaccións ou mesmo reflexións espontáneas que moitas veces xorden de forma involuntaria e ás veces van acompañadas de certo tipo de improperios que expresan quizais asombro ou quizais rexeitamento.
No entanto, os galegos e galegas empregamos unha forma moi sutil para expresar estas espontaneidades, con certa retranca e con gran riqueza expresiva. Así ante unha noticia como Desactivan dúas granadas atopadas nun rocho a inmediata reflexión é: Como para ir todo ao carallo!, ou estoutras dúas:
"Un condutor dá positivo e quintuplica o límite legal para o alcool".
Impórtalle todo un carallo!
"Un expresidiario debutará como avogado nun xuízo logo de estudar na cadea".
Arre carallo!
Pero esta espontaneidade témola hoxe en día con calquera tipo de noticia, sexa da índole que sexa:
"Benedicto XVI sucumbe ás redes sociais e abre unha conta en Twiter".
Manda carallo!
"Miles de persoas saen en Madrid contra a privatización da sanidade".
Están ata o carallo!
"España rebasará os seis millóns de parados en 2013 segundo a OCDE".
Isto vai rematar coma o carallo!
"O Poder Xudicial impón un mes de suspensión a un xuíz por atrasos inxustificados".
Que carallo!
"O Goberno non pagará aos pensionistas a inflación de 2012".
Tócalle o carallo!
"O Pontevedra remonta na segunda metade para imporse ao Dorneda".
Xa era hora, carallo!
Se a prensa reflicte o que sucede na sociedade actual, só se me ocorre concluír: con tantas caralladas e tantos carallazos non me estraña que esteamos escarallados (agás algún caralludo).
4.12.2012