Marea denuncia as "agresións" á liña marítima e propón declarar a Ría como reserva da biosfera
Por Redacción
Nove anos despois do Puro Lérez e do baño do alcalde no río, a área intermareal de Pontevedra "segue a ser agredida", segundo denuncian desde Marea Pontevedra. O efecto da contaminación das augas, de múltiples infraestruturas e da especulación provocaron, segundo esta formación, ata quince agresións en todo este ámbito da ría de Pontevedra, á altura da desembocadura dos ríos Lérez, Alba e Gafos e nas súas respectivas marismas.
Na desembocadura do Lérez, Marea cita desaugadoiros directos á altura da ponte dos Tirantes, a gasolineira do Burgo, as naves das administracións na Xunqueira de Alba, o enlace da autoestrada na ponte das Correntes e na ponte da Barca, o edificio da Garda Civil, o porto deportivo ou as cocheiras do Ministerio de Fomento.
A iso suman, no fondo da ría, os recheos da autovía, as cocheiras de Monbús, a rotonda da autoestrada, a xunqueira da Gandarela, ENCE, a EDAR, os recheos do porto de Marín ou o trazado do tren ao porto.
E segundo a súa responsable de Medio Ambiente, existen "novos perigos inminentes", xa proxectados ou en marcha como o polígono comercial sobre a xunqueira de Alba ou o paseo marítimo na autovía de Marín "que o único que virían a facer é agravar a presión urbanística sobre este espazo natural".
Para Luis Rei, candidato á Alcaldía, "a favor de todas as desfeitas estivo sempre a dereita, onde agora Núñez Feijoo quitou a careta a respecto de ENCE, pero tamén o Bloque pontevedrés, que practica un ecoloxismo de pacotilla". Neste sentido, insistiu que todas estas actuacións contaron sempre coa participación do Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.
Fronte a esta situación, Marea Pontevedra presentou este mércores o seu plan de recuperación da liña marítima. A súa proposta resúmese en declarar a ría "reserva da biosfera", incluír Tambo no Parque das Illas Atlánticas e estender a todo o Lérez a protección de Rede Natura.
Para avanzar neste traballo, esta formación propón crear unha Rede Ambiental da Ría de Pontevedra, composta polos responsables das áreas de medio ambiente dos concellos da ría. O seu labor sería deseñar unha planificación comarcal que dea respostas coordinadas a desafíos como o do saneamento, "inviable se non se leva a cabo entre todos os concellos da ría", cunha colaboración efectiva.
A todo este espazo protexido, Marea Pontevedra reclama incorporar os 171.000 metros cadrados onde agora están instaladas as naves e dependencias de diferentes organismos públicos. Son a Imprenta Provincial, o Parque de Maquinaria da Deputación, a Xefatura de Tráfico e outras. "Nós imos esixir que as administracións dean exemplo, desocupando eses espazos, para localizar neles un gran parque fluvial", indicou o candidato á alcaldía.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra organiza unhas xornadas ambientais sobre a ría
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Pontevedra quere recuperar as concesións da Deputación nos terreos da Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Marea aposta por unha xestión pública da auga e rebaixar o recibo nun 10 por cento
Por Alejandro Espiño |
-
Marea esixe a Lores o cesamento de César Mosquera polo "gran fracaso" do PXOM
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Pontevedra dá por seguro que entrará na próxima corporación municipal
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Marea Pontevedra protagoniza unha xornada festiva na Praza da Pedreira
Por Diego Espiño |
-
As mareas de Pontevedra e Marín apostan por unha xestión conxunta e pública do lixo
Por Diego Espiño |