Marea Pontevedra organiza unhas xornadas ambientais sobre a ría
Por Oskar Viéitez
O vindeiro venres 31 de marzo e sábado 1 de abril, Marea Pontevedra organiza unhas "xornadas ambientais" para falar do "pasado, presente e futuro" da ría de Pontevedra.
Nelas intervirán expertos ecoloxistas, líderes sociais e personalidades políticas, xunto con veciñas da parroquia de Lourizán. Ademáis das mesas tamén haberá a proxección dunha peza audiovisual do documentalista Lukas Santiago e un roteiro polos zonas máis "críticas" da Ría de Pontevedra.
As xornadas serán na Praza dos Praceres, no que denominan "quilómetro cero da degradación ambiental da Ría de Pontevedra".
Dende esta formación política subliñan que o concello de Pontevedra ten 5 quilómetros de fachada marítima e nos últimos 17 anos non se gañou un só metro na recuperación do litoral, "senón que seguiu agravándose a situación".
Marea Pontevedra ten localizadas ata sete "agresións graves" na desembocadura do río Lérez. Son o enlace da autoestrada AP-9, o edificio da Garda Civil, o porto deportivo, as naves da administración provincial na xunqueira do Alba, a gasolineira e edificios da ponte do Burgo, as verteduras directas entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes e cocheiras do Ministerio de Fomento.
Engaden outras sete máis no fondo da ría: a autovía a Marín, as cocheiras de Monbus, o macronudo-rotonda da AP-9, o complexo Ence-Elnosa, a liña ferroviaria, os recheos do porto e a degradación da xunqueira de Gandarela.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra, contraria á dragaxe do Lérez, presenta alegacións ao proxecto
Por Oskar Viéitez |
-
O Club Naval, a Marea: "No sabemos qué pretenden estos señores con sus infundios"
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Pontevedra quere evitar o dragado do río Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Pontevedra describe Lourizán como "zona catastrófica social e ambiental"
Por Redacción |
-
Marea denuncia as "agresións" á liña marítima e propón declarar a Ría como reserva da biosfera
Por Redacción |