116 "Granates de corazón"
Por Redacción
"Granate de corazón", a campaña de promoción de abonados que o Pontevedra C.F. puxo en marcha no período do Nadal, chegou á súa fin o martes 7 de xaneiro. Finalmente foron 116 as persoas que se acolleron ás promocións socio de honra ouro 3 x 2 e socio de honra prata 2 x 1.
O tirón das últimas datas animou considerablemente os seguidores granates, que nos últimos cinco días de campaña incrementaron a cifra de afeccionados que decidiron apoiar ao club nesta iniciativa encamiñada a dotar ao Pontevedra de liquidez económica para afrontar os pagamentos máis urxentes.
Deste modo, dende o pasado día 2 de xaneiro, no que unicamente foran 29 as persoas que retiraran os seus aboamentos para as tempadas vindeiras, a cifra incrementouse en 87 máis, ata chegar aos citados 116 abonados.
Unha vez finalizada esta acción promocional, o club continúa coa campaña de aboamentos encamiñada a conseguir novas altas de socios para a segunda volta da competición ligueira que acaba de comezar.