Escasa aceptación ata o momento da campaña 'Granate de corazón'
Por Diego Espiño
A falta de menos dunha semana para o peche da campaña 'Granate de corazón', na que o Pontevedra ofrece importantes descontos para os seus abonados en caso de adiantar a cota da próxima tempada, a aceptación está a ser moderada.
Ata a mañá deste xoves, día 2 de xaneiro, tan só 29 persoas, todas elas xa socias do club, acolléranse a esta inicitiva, que permite a un afeccionado pagar unha tempada e recibir a segunda de xeito gratuíto ou mesmo pagar polos dous próximos cursos cunha rebaixa nas cotas e recibindo, tamén de balde, a terceira tempada.
Con esta campaña, ademais de premiar os seus abonados, a dirección do Pontevedra pretende salvar unha situación de falta de liquidez, segundo recoñeceu o propoio presidente José Manuel Fernádez na presentación da iniciativa.
Os afeccionados que o desexen poderán retirar os seus carnés para as próximas tempadas accedendo a estes descontos ata o próximo martes 7 de xaneiro incluído nas oficinas que o club posúe no Estadio Municipal de Pasarón en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, salvo o venres, con horario exclusivo de mañá.
Ademais, coincidindo co encontro do domingo ante o Choco, habilitarase un punto de información na porta de presidencia dende as 10:30 horas, segundo informan dende a entidade granate.