Oferta para os socios do Pontevedra que anticipen o abono das próximas tempadas
Por Diego Espiño
"El Pontevedra Club de Fútbol necesita de sus abonados más que nunca". Estas foron as palabras do presidente da entidade granate na presentación da campaña "Granates de Corazón".
José Manuel Fernández, acompañado de José Antonio Millán, explicou a inciativa que pretende "superar un problema de liquidez" ao mesmo tempo que busca ampliar a asistencia aos partidos de Pasarón e premiar "a los fieles que están cada año a las duras y a las maduras".
A través da campaña un socio do Pontevedra poderá beneficiarse de importantes descontos se retira antes do 7 de xaneiro o seu abono para as próximas tempadas.
Así, un abonamento de calquera dos fondos se adianta o diñeiro do carné do próximo curso 2014/2015, por 65 euros, terá dereito tamén ao seu carné para a 2015/2016, independentemente de se os granates logran subir de categoría.
Este 2x1, denominado Socio de Honra Prata, ademais dos 65 dos fondos, custaría 125 euros en Preferencia e 175 en Tribuna para os afeccionados en réxime xeral.
A oferta é maior para o Socio de Honra Ouro, que pagando dúas tempadas recibirá de regalo o carné da terceira, cun prezo que se sitúa soamente en 110 euros para os fondos, 230 en Preferencia e 330 en Tribuna.
Os interesados deben achegarse ás oficinas do club de 9:00 a 14:00 e 16:00 a 19:00 horas, con horario reducido a semana de Nadal. Ademais trabállase en habilitar o trámite a través dunha oficina bancaria.
Paralelamente o Pontevedra pon en marcha a campaña de abonos para a segunda volta cunha rebaixa de máis do 50%, sendo as cantidades fixadas de 25, 60 e 80 euros respectivamente nas diferentes bancadas.
Fernández asegurou en rolda de prensa que o éxito da campaña é fundamental para a viabilidade do equipo, polo que solicitou o apoio "de todas las personas que se sienten parte del Pontevedra", porque neste caso "el futuro del club pasa por el presente".
APERTURA DA TENDA OFICIAL EN NADAL
Para facilitar que os afeccionados granates poidan regalar artigos do equipo nas próximas festa do Nadal, a tenda do club no Estadio de Pasarón abrirá os próximos días de 17:00 a 20:30 horas, con descontos dun 20% en todos os artigos.