Unha hora antes a Pasarón para aforrar en luz
Por Diego Espiño
Ao Pontevedra Club de Fútbol apáganselle as luces, ou polo menos ao Estadio Municipal de Pasarón, que dende este domingo e ata que as horas de luz solar o permitan, xogará ás 16:00 horas da tarde para aforrar na factura eléctrica.
Así o confirmou o presidente granate, José Manuel Fernández, que xustificou a decisión nas "facturas mensuales que estaban llegando al club de cerca de 3.000 euros".
Con esta medida evitarase ter que acender a iluminación do novo estadio, renunciando ao horario habitual dos partidos de liga durante as últimas décadas (17:00 horas), a excepción de encontros televisados ou a visita de equipos canarios na Segunda División B, que obrigaban a xogar ás 12:00 do mediodía.
Precisamente este horario, o domingo ás 12:00 horas, era outra das opcións que barallou a directiva lerezana, pero "los antecedentes en Segunda B demostraban que baja la asistencia", ademais de complicar a presenza dos afeccionados granates que cada domingo se achegan a Pasarón dende localidades veciñas.
Así pois o encontro da próxima xornada ante o Dorneda será a estrea do novo horario, obrigando moitos afeccionados a deixar de lado o café de sobremesa se queren acudir a animar o seu equipo.
CANDELA, Á MARXE DO GRUPO
A volta ao traballo deparou unha boa noticia para o Pontevedra, co regreso ao traballo de campo de Tubo co resto dos seus compañeiros, aínda que a súa volta aos terreos de xogo non se producirá ata pasadas as festas do Nadal.
No negativo para Manu Fernández está a sanción de Pablo González e as molestias de Candela, que obrigan polo momento o centrocampista a exercitarse a menor ritmo.
Os que están descartados xa para o último partido do ano son Fran Fandiño, que está a adestrar á marxe, e Benja, que se centra no traballo na clínica para recuperarse dos seus problemas musculares.