Irene Trabazo, campioa da Copa Federación de ciclocross tras vencer con autoridade en Valencia
Por Alejandro Espiño
Novo éxito para Irene Trabazo. A ciclista marinense proclamouse campioa de Cópaa Federación de ciclocross na categoría cadete feminina, ao lograr a vitoria este domingo no Ciclocross Internacional Ciutat de Valencia, a última proba do circuíto nacional. Completou o esixente circuíto da carreira nun tempo de 00:33.35, un minuto e 38 segundos, máis rápido que a segunda clasificada, Alba Fernández.
Malia a notable diferenza que separaron a ambas corredoras na liña de meta, a proba foi bastante disputada. Decidida a fastidiar a festa da ciclista galega, Alba Fernández atacou moi forte xa desde os primeiros instantes da carreira. Irene tivo que esforzarse ao máximo para contrarrestar esta ofensiva. Conseguiuno a metade de carreira. A partir de aí impuxo un ritmo fortísimo para impoñerse claramente á súa rival.
A corredora do Club Ciclista Marín gañou seis das sete probas que compoñen esta competición, anteriormente coñecida como Copa de España. Sumou en total 170 puntos, fronte aos 161 de Alba Fernández, precisamente a única ciclista que gañou unha carreira a Irene Trabazo esta tempada. Foi a terceira proba do ano, celebrada na localidade vasca de Muskiz.
Consegue así Irene Trabazo alzarse como vencedora absoluta da competición e demostra que está en plena forma para loitar por conseguir a medalla de ouro no Campionato de España que se celebrará do 10 ao 12 de xaneiro na localidade de Segorbe (Castellón).
Irene Trabazo terá a oportunidade de celebrar o seu título na próxima proba ciclista que organizará o seu club. Trátase do XII Ciclocross Ría de Marín, que será de carácter nacional e puntuable para o ranking de España de ciclocross. Terá lugar o vindeiro sábado 21 de decembro.