Novo éxito deportivo de Irene Trabazo ao proclamarse campioa de España cadete de ciclocross
Por Redacción
Partía como favorita e fixo bos todos os pronósticos. Irene Trabazo logrou a vitoria no Campionato de España de Ciclocross, celebrado este sábado na localidade castellonense de Segorbe. Culmina así para ela unha tempada extraordinaria e tamén para o Club Ciclista Marín que con este título volve situar a un dos seus corredores como campión de España cadete. Xa o logrou Pablo Pardilla en 1993.
A ciclista marinense puido redondear a tempada co 'malliot rojigualdo', destacándose desde a primeira volta e administrando a vantaxe que logrou na primeira parte da proba. Alba Fernández (Cantabria) tampouco tivo demasiados problemas para facerse coa prata, a 54 segundos da gañadora, estando moito máis rifada a loita polo bronce, que ao final sería para a valenciana Sofía Rodríguez.
Ao término da carreira, a propia Irene Trabazo recoñecía que "después de la primera vuelta fuimos a no ir a arriesgar porque si pinchábamos o algo podíamos fastidiar toda la carrera". Contenta polo seu triunfo, afirmaba que "esta temporada fue de lo mejor, sólo perdimos una carrera y estamos muy contentos de acabar así, con este triunfo en el campeonato de España".
Con este triunfo, Irene suma este campionato a un palmarés que só nesta tempada inclúe o Campionato galego, o Ranking Nacional e a Copa Federación. Por todos estes triunfos, será galardonada pola Federación Galega de Ciclismo o próximo 18 de xaneiro en Ponteareas.
Outro dos integrantes do Club Ciclista Marín logrou un bo resultado en Segorbe. Trátase de Alberto del Río, que finalizou en decimonovena posición na categoría Master 30, sendo así o mellor ciclista galego da súa proba.