Contundente derrota (76-54) dun Conservas de Cambados que só aguantou dous cuartos ante o Fuenlabrada
Por Redacción
Mal partido do Conservas de Cambados en Fuenlabrada. Os galegos apenas puideron facer fronte ao equipo madrileño durante os dous primeiros cuartos do partido. Un pésimo terceiro periodo sentenciou as súas posibilidades de sacar un resultado positivo na súa primeira visita ao pavillón Fernando Martín. O resultado fala claramente, 76-54 a favor do líder da categoría.
Chegaban os cambadeses moi lastrados polas lesións. Pero ainda así o partido non comezaba nada mal para eles. Nun primeiro cuarto igualado e con intercambio de triplos no inicio, a actuación coral dos galegos, con sete xogadores anotando, permitiulles ser moi competitivos. Menor puntuación houbo no segundo periodo. Nin a puntería de Lucas Vaquero e Sergio Pérez, os dous xogadores máis entonados de ambos equipos, evitaron un discreto 32-28 ao descanso.
O Conservas de Cambados rexistraron un pobre 28% en tiros de dous, o que lastrou as súas opcións no primeiro tramo do partido. Pero trala reanudación todo foi a peor. Cun Moungoro desatado e un 11-0 de saída, o Fuenlabrada puxo terreo polo medio. Nin as rotacións nin os tempos mortos solicitados por Casal fixeron mella no xogo madrileño. Smits e o triplo final de Pérez fixeron que a brecha aumentase ao final do terceiro cuarto ata un 53-35.
Tras anotar só sete puntos no anterior periodo, espertaron algo os xogadores galegos no inicio do cuarto final, pero nun intercambio de canastras que non os levou a nada, xa que a marxe, o xogo, as sensacións e Sergio Pérez incorporándose á festa outorgaron de forma clara o triunfo final aos locais.
Con esta derrota, o Conservas de Cambados sitúase noveno na clasificación da Adecco Prata, o último posto que dá dereito a xogar o playoff de ascenso. Suma tres vitorias e tres derrotas.
FUENLABRADA (76): Jorge Sanz (6), Rubén Martínez (12), Sergio Pérez (9), Moungoro (7), José María González (10) -cinco inicial- Raúl Mena (7), Mbansogo, Javier de Pinto, Walter Cabral (5), Aranburu (5), Rolands Smits (15).
CONSERVAS DE CAMBADOS (54): Orellano (3), Alberto Rodríguez (6), Juan Mato (8), Merino (11), Taylor (7) -cinco inicial- Lucas Vaquero (7), Diatta Diop (2), Oubiña (9).
Árbitros: Palomo Cañas e Murillo Khon. Sen eliminados.
Parciais: 19-17, 13-11,21-7, 23-18.
Incidencias: Partido disputado no pavillón Fernando Martín, Fuenlabrada.