Un gol de Sergio Martínez a falta de 38 segundos dálle a vitoria ao Leis (3-2) ante A Pontenova
Por Redacción
Un gol de Sergio Martínez a falta de 38 segundos permitiu ao Leis Pontevedra volver á senda da vitoria na Terceira División masculina de fútbol sala. Nun encontro pelexado por ambos conxuntos de principio a fin, os pontevedreses impuxéronse por 3-2 ao conxunto lucense da Pontenova. Foi nun partido disputado no Pavillón dos Deportes de Pontevedra.
Saíu moi ben o Leis na primeira parte, presionando arriba, circulando con velocidade e movendo ao contrario, o que lle procuraba numerosas ocasións de gol. O conxunto visitante xogaba á contra e intentaba sorprender ante calquera erro local, pero o marcador non se movía e isto chegou a crear algunha ansiedade nos xogadores pontevedreses.
Tras varios intentos frustrados, o Leis adiantábase con gol de Gustavo nunha boa combinación con Sergio Martínez. Pero os lucenses non baixaron os brazos e aproveitando os seus mellores minutos sobre a cancha conseguiron darlle a volta ao partido, aproveitando dous erros locais que se pagan caro nesta categoría. Ao descanso chegábase pois con ese 1-2.
Moito máis sentido deron os pontevedreses ao seu xogo na segunda metade, pero o conxunto visitante pelexou ata o final e venceu cara a súa derrota. O premio á constancia chegaba co empate de Raúl nun gol pola escuadra de falta directa e posteriormente con Sergio Martínez, que tras unha combinación co propio Raúl, marcaba o 3-2 definitivo a tan só 38 segundos do final.
A nota negativa do encontro foi a lesión de Gustavo no seu nocello dereito na primeira parte, tras un encontronazo cun xogador rival. Tivo que ser trasladado ao hospital. O alcance da súa lesión coñecerase nos próximos días.
Tras esta importante vitoria, o Leis volve situarse como líder en solitario da Terceira División, trala derrota do Pazos de Borbén en Ribeira. Suma 19 puntos, un máis que o Troula Betanzos e tres máis que o Pazos de Borbén.
LEIS PONTEVEDRA (3): Chenlli, Carlos Abadín, Sergio Martínez (1), Raúl Jiménez (1), Martín, Pablo Durán, Barcala, Miguel, Cabaleiro, Daniel, Noel, Gustavo (1).
A PONTENOVA (2): Cesar, Santi, Josiño, Carlos, David, Andrés, David Quintela (1), Marcos,Pablo, Diego Lamas (1), Miguel.
Árbitros: Jesus Otero Baltasar e Vidal Araujo. Amonestaron con amarela polo Leis a Pablo Durán e Sergio Martinez e polo equipo visitante a David Quintela e Santi. Con dobre amarela expulsaron a Pocho polo Leis e ao adestrador visitante Jose Manuel.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.