Máis goles e emoción que xogo no empate (4-4) entre Poio F.S. e Valdetires Ferrol
Por Ramiro Espiño
Pouco xogo, bastantes nervios, algunha que outra brusquidade, unha mala arbitraxe e moitos goles, pero sobre todo emoción. O incerto do marcador foi a nota máis destacada dun partido aberto no que tanto Poio F.S. como Valdetires Ferrol tiveron opcións de vitoria, pero se conformaron cun xusto reparto de puntos.
As ferrolanas saíron máis centradas e souberon aproveitar as oportunidades das que dispuxeron na primeira parte. Así, aos tres minutos, tras unha falta indirecta moi discutida polo conxunto local, tanto pola súa sinalización coma pola execución, Ale conseguía o primeiro gol visitante.
As rapazas de Marcio Santos dominaban, pero Valdetires golpearía novamente no minuto 9 cun segundo gol conseguido por Meli, tras culminar un excelente contraataque levado por Ery. Maior efectividade imposible. Dúas chegadas, dous goles e o Poio que tiña que intentar remontar un marcador complicado.
Dende a bancada confiábase na reacción, que chegou a balón parado, despois de que Yoly avisase cun remate á madeira. Así, tras un saque de banda, Ceci engancha un potente disparo que entra pola escuadra. Era o minuto 12 de partido, e poucos segundos antes do descanso conseguía o empate ao aproveitar Peke un balón solto rexeitado por Iria a remate de Ceci.
O máis difícil para o cadro local estaba feito, pero nada máis comezar a segunda parte as ferrolanas adiántanse novamente por medio de Didi, que aproveita un rexeitamento en curto de Carmen.
O partido tolea e queda sen dono claro. O Poio lánzase sobre a porta rival e obtén os seus froitos, novamente en xogadas a balón parado. Primeiro por medio de Kiko, que pon o balón na escuadra tras un corner, e un minuto máis tarde nun fenomenal lanzamento de falta a cargo de Ceci, dende uns 15 metros.
As cousas complicábanse para o Valdetires, que ademais perdía a Ery por lesión, nun encontrón fortuíto con Ceci, pero cando peor tiñan as cousas lograrían o empate definitivo, ao culminar Shey unha gran xogada de todo o equipo.
Os últimos minutos foron de loucura. Ale, por dúas veces nun só minuto, tivo nas súas botas a vitoria visitante, pero os seus remates fóronse aos postes da meta defendida por Carmen. As brusquidades saíron a relucir nos últimos instantes, máis produto da tensión e a falta de forzas, xunto coa deficiente actuación arbitral, que dos malos modos das xogadoras. O Poio envorcouse sobre a área rival con todo, pero non logrou o gol do triunfo tanto pola súa falta de acerto no remate, coma pola boa actuación de Iria.
POIO F.S. (4): Carmen; Charo, Claudia, Peke e Kiko -cinco inicial- Elena, Paloma, Yoly e Ceci. Non xogaron: Silvia, Mar e Nerea.
VALDETIRES FERROL (4): Iria; Shey, Andre, Ery e Ale -cinco inicial-, María, Carol, Didi e Meli. Non xogaron: Jenny, Elena e Uxi.
Árbitros: Alejandro Comesaña Goberna e Andrés García Freiría (Vigo). Expulsaron por dobre amoestación a Meli (minuto 40), e con vermello directo a Uxi (minuto 40), estando no banco, do Valdetires. Amoestaron a Yoli, Ceci e Peke, no Poio F.S. e a Shey, María e Jenny, a esta última estando no banco, no Valdetires.
Goles: (0-1) Minuto 3 Ale. (0-2) Minuto 9: Meli. (1-2) Minuto 12: Ceci. (2-2) Minuto 20: Peke. (2-3) Minuto 21: Didi. (3-3) Minuto 22: Kiko. (4-3) Minuto 23: Ceci. (4-4) Minuto 27: Shey.
Incidencias: Pavillón Municipal (Poio). Case cheo. Deixouse notar un numeroso grupo de afeccionados ferrolanos.