Quenda para a Copa do Rei de balonmán coa visita do Cuatro Rayas Valladolid
Por Diego Espiño
O novo formato da Copa do Rei de balonmán, por primeira vez con participación dos equipos da División de Honra Prata, chega a Pontevedra na súa segunda eliminatoria coa visita este mércores (20:30 horas) de todo un histórico do balonmán nacional, o Cuatro Rayas Valladolid.
Tras superar a primeira rolda a domicilio, o Teucro busca a proeza de eliminar a todo un equipo da liga Asobal e progresar nunha competición que incluirá na próxima rolda aos oito primeiros clasificados o curso pasado na máxima categoría.
Antes os azuis deberán gañar a un Balonmano Valladolid en horas baixas, décimo terceiro clasificado en Asobal con cinco puntos en oito partidos, pero favorito para unha eliminatoria que se disputa a partido único.
Carlos García-Alén: "El factor cancha con mucho público es lo que puede determinar el pase"
Así recoñéceo o presidente teucrista, Carlos García-Alén, quen se mostra confiado das posibilidades dos seus matizando que "no se pierde nada si se pierde, pero ganar es un premio para todos".
A clave, segundo García-Alén, pode encontrarse nas bancadas: "el factor cancha con mucho público es lo que puede determinar el pase".
Para facilitar ese ambiente que demanda o dirixente, os socios poderán entrar presentando o seu carné, mentres os nenos acompañados dun adulto tampouco terán que pagar. Para o resto de afeccionados as entradas fixáronse en 10 euros, dous menos do habitual.
No estritamente deportivo Javier Barrios, tras conseguir o equipo unha brillante remontada ante o Sinfín en liga, poderá contar con todos os seus pupilos para o encontro, só uns días antes de ter que emprender de novo unha longa viaxe a Benidorm.
Pola súa banda, o Valladolid adestrado por Nacho González chega a Pontevedra tras descansar o pasado fin de semana. Na última xornada de liga, hai dúas semanas, os pucelanos encaixaron un duro golpe coa derrota na casa ante un rival directo como o Juanfersa Gijón.