Exhibición de casta e xenio do Teucro para dar a volta ao marcador e impoñerse (27-22) a un complicado Go Fit Sinfín
Por Ramiro Espiño
Pouco imaxinaba o Teucro que se lle presentaba unha tarde complicada cando nos primeiros minutos tomaba a dianteira e os cántabros debían recorrer a longos ataques, rozando o pasivo. Pero tampouco se esperaba ninguén que fose a tarde negra de quen tantas outras veces foi o mellor do equipo, o porteiro Juan Bar.
Co marcador apertado sempre e vantaxes mínimas para un e outro, pronto os visitantes tomaban a iniciativa, ante un Teucro que ía diminuíndo o seu rendemento na mesma medida que se sentía débil atrás. Lanzamentos aparentemente doados remataban no fondo da portaría teucrista. Mentres, os ataques azuis acababan en erros nos lanzamentos ou rexeitados polos postes.
De todo iso aproveitouse o cadro visitante, que a partir do minuto 23 se escapou no luminoso, tomando unha máxima vantaxe de cinco goles (8-13) no minuto 26. Javier Barrios decide sentar a Juan Bar buscando un revulsivo en Dani Cadilla, ao que mantivo baixo paus ao comezo da segunda parte.
Custoulle ao Teucro meterse no partido. Só Carlos García parecía saber como facer dano nos seus lanzamentos. Aínda así, un par de boas accións defensivas permiten reducir a desvantaxe a só dous goles. Pero a cousa non mellora, seguen os erros, as imprecisións en ataque, con perdas de balón que permiten recuperar distancia aos visitantes.
Barrios devolve Juan Bar á portaría, minuto 40, con 13-17 no marcador. O Teucro incrementa a intensidade defensiva e cambia de sistema a unha mixta, para frear os lentos e longos ataques visitantes, sempre rozando a pasividade. A bancada empurra con forza os seus. E o marcador apértase. E cando se defende ben, tamén aparece o porteiro. E o Teucro empata (20-20), minuto 51.
Tomás Moreira pon por diante aos azuis despois de moitos minutos, pero os cántabros volven empatar. Con 22-22 empeza un novo partido de só cinco minutos, no que por fin aparece o mellor Teucro. Marca David Chapela cun bo lanzamento en apoio. Os visitantes fallan no seu ataque, lanzando alto. E Barrios pide tempo morto a falta de 3'37" para buscar unha xogada que lle dunha vantaxe de dous goles, que poida asegurar a vitoria. E volve aparecer o brazo de David Chapela. Tocaba aumentar a intensidade defensiva aínda máis durante tres minutos.
Juan Bar para o lanzamento de Álex Álvarez. David García Pichel anota, de penalti. E Juan Bar volve deter o lanzamento cántabro. Como xa saía todo, marca Tomás Moreira, nunha grande acción de Carlos García. Estaba gañado e o que antes non entraba, agora si, ata os rebotes dos postes con gol de Miguel Porto para redondear unha vitoria tan traballada e sufrida como merecida, porque a falta de bo xogo o Teucro tivo casta e fe nas súas posibilidades ata o final.
S.D. TEUCRO (27): Juan Bar; Alejandro Pombo (2), David Chapela (5), Miguel Porto (3), Tomás Moreira (4), Víctor Rodríguez (3, 1 de penalti), Carlos García (5) -sete inicial-, Dani Cadilla (p.s.), Marcos Dorado, Carlos Pombo, David García Pichel (4, de penalti), César Armán (1), Borja Pedreira e Miguel Sío.
GO FIT SINFÍN (22): Pablo Salvarrey; Diego Muñiz, David Merino, Álex Blázquez, José Manuel Herrero (3), Saúl Campo (4), Ramiro Merino (1) -sete inicial-, Ernesto Sánchez (p.s.), Guillermo Herrero (7), Álex Álvarez (7, 2 de penalti), Alberto Pla e Sergio Rodríguez.
Árbitros: Vanesa Pérez Domínguez e Marcos Pérez Outeda (Colexio Galego). Excluíron por dous minutos a: Miguel Porto, David Chapela e Carlos García, polo Teucro, e a Diego Muñiz (2), David Merino, Guillermo Herrero (2), Álex Blázquez, e ao adestrador, Rodrigo Reñones, polos cántabros.
Marcador (cada cinco minutos): 2-1, 4-5, 6-7, 7-9, 8-11, 10-14 (descanso), 12-15, 13-17, 15-19, 19-20, 22-22 e 27-22 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 500 espectadores.