Nino Mirón vende a unha empresa máis do 28% das accións do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
A reunión celebrada polo consello de administración do Pontevedra na mañá do mércores non tiña máis que un punto na orde do día, o de elección do novo secretario tras a renuncia do anterior, José Manuel Dopico. Non obstante, pouco imaxinaban os membros do consello que unhas horas antes sucedería algo que ía facer cambiar radicalmente o eixe principal da reunión, ademais da posibilidade de que se produza un novo escenario no futuro próximo da entidade.
Todo empezaba cando a primeira hora da tarde do martes se recibía un burofax na sede do club, datado o 1 de outubro pasado e asinado polo ex-presidente e máximo accionista, Nino Mirón, no que se informaba da transmisión da totalidade das accións da que era propietario ata a data, á empresa Administradores de Economía, S.L., domiciliada en Pontevedra, e cuxo representante asinaba igualmente o burofax de comunicación.
Deste modo, Administradores de Economía, S.L. convértese no novo máximo accionista do club granate, pasando a ser titular das 221.023 accións ata agora propiedade de Mirón, o que significa o 28,71% do capital social total do club. A empresa satisfixo pola transmisión a cantidade de 1,43 euros por acción, o que equivale a un pagamento total de 316.063 euros.
Pola súa banda o ex-presidente mantén aínda o control de máis do 4% do conxunto de accionistas a través das súas empresas Gestsoccer Hash, S.L. e Inmobiliaria Nino Mirón S.L.
Esta situación podería provocar a curto prazo novidades importantes na composición do consello de administración, posto que o novo máximo accionista pode ter dereito a designar novos conselleiros, o que cambiaría radicalmente a correlación de forzas existente na actualidade.
LUIS DURÁN DESIGNADO SECRETARIO
Polo que respecta á reunión do consello propiamente dita, ademais de tomar coñecemento oficial do cambio accionarial, procedeu a elixir novo secretario, tras a renuncia ao cargo de José Manuel Dopico, recaendo tal elección no conselleiro Luis Durán.
A esta reunión do consello asistiron o presidente, José Manuel Fernández, e os conselleiros Lupe Murillo, que ademais ostentaba a representación de Ricardo Tilve, José Antonio Millán, Luis Durán e, de forma sorprendente tras varias ausencias inxustificadas, o dimitido no cargo José Manuel Dopico, que acudiu tamén representando a Mauricio Rodríguez, unha vez máis ausente dunha sesión do consello.