Mikel Saizar aproveita as súas vacacións para volver a Pontevedra tras o seu histórico ascenso a Segunda co Amorebieta
Por Ramiro Espiño
Di que "siempre que puedo me escapo aquí. Procuro hacerlo todos los años en vacaciones porque Pontevedra no se me olvida". Mikel Saizar volveu a elixir Pontevedra como destino para unhas máis que merecidas vacacións, tras conseguir un histórico ascenso a Segunda División, aos seus 38 anos, defendendo a portería do Amorebieta. "Estoy en Portonovo, que es un paraíso, donde procuro verme con mis compañeros de aquellos años en el Pontevedra. De hecho ya he estado con Fran Rico, con Yuri y espero poder quedar con Charles, que creo regresa estos días, antes de que me marche".
Namorado de Pontevedra e seguidor do club granate, pese ao tempo transcorrido, non acerta a explicar as razóns polas que o cadro de Pasarón non alcanzou os seus obxectivos esta tempada: "Creo que había un gran equipo, pero no sé por qué no funcionó como todos esperábamos. El fútbol tiene estas cosas. Deseo de verdad lo mejor para un equipo y una ciudad que han marcado positivamente mi vida".
Acompañado dos seus dous fillos, Mikel Saizar paseaba polas rúas da cidade do Lérez este sábado e tivo a deferencia de achegarse á redacción de PontevedraViva, desde onde quixo mandar todo o seu agarimo a unha afección que, dixo "se lo merece todo, porque es maravillosa y ojalá pronto pueda ver a su equipo en el lugar que le corresponde por historia, y más con ese fenomenal estadio que ahora hay".
O veterano porteiro vasco defendeu a portería naquel partido para a historia, disputado o 18 de abril de 2007, no xa desaparecido estadio Luis Sitjar de Palma de Mallorca, no que o Pontevedra fixo valer a renda obtida en Pasarón (4-1) co cal, a pesar de perder (1-0) contra o filial mallorquinista, os granates, ás ordes de Javi Gracia, puideron levantar a súa primeira Copa Federación, recibida de mans do entón presidente da RFEF, Anxo María Villar, coa seguinte aliñación: Saizar; Asier Ormazábal, Dumast, Vázquez, Azparren; Víctor Ormazábal, Humberto (Organista, min. 65), Fran Rico, Rubén Reyes (Filipe, min. 89); Charles e Baptiste (Luciano, min. 77).
A carreira deportiva deste trotamundos do fútbol empezou no Tolosa infantil onde lle puxeron o mote de 'El Palomitas' (segundo reportaxe publicada polo Diario Vasco), porque lle encantaba lucirse nas estiradas. Do Tolosa foise ao Athletic, onde non tivo demasiada sorte. De aí, á Real Unión, logo á Real Sociedad B, desde onde chegou ao Pontevedra (2006). Tras 3 anos en Pasarón, onde chegou a disputar 51 partidos oficiais (44 de liga en Segunda B e 7 de Copa), marchouse á Cultural Leonesa, Guadalajara, Córdoba (con ascenso a Primeira incluído), AK Lamarka (Chipre), Numancia, Burgos e Amorebieta, onde segue aos seus 38 anos, aí segue.
Mikel Saizar logrou esta tempada o segundo ascenso da súa carreira, quizais o máis difícil, ou o máis inesperado, logrando levar a Segunda División ao Amorebieta, unha auténtica proeza para un club con apenas 900 socios dunha pequena localidade de 18.000 habitantes, que foi capaz de impoñerse na promoción de ascenso ao Badaxoz, gran favorito para subir á categoría de prata.
No Amorebieta conxuga a súa actividade como porteiro co seu outra ocupación, a de pasteleiro, xa que cando pode axuda á súa nai, Nieves, coa pastelería que rexentan na localidade vasca, e aínda queda tempo para exercer como adestrador de porteiras do Eibar feminino, que milita na liga Iberdrola.
Antes de marcharse para continuar co seu descanso en Portonovo, Mikel Saizar avanzounos que o ascenso levouno a manterse en activo, polo menos unha tempada máis: "Quiero disfrutar de este hito histórico para el Amorebieta, jugando con ellos en Segunda División", aínda que sexa co resaibo amargo de non poder facelo no seu campo de Urritxe, cuxas características non foron homologadas pola Liga de Fútbol Profesional para competir en Segunda División, o que obriga ao humilde equipo biscaíño a buscar un exilio forzoso para o seu debut no fútbol profesional.