Técnicos da RFEF inspeccionan A Senra para valorar se pode acoller un duelo de Copa do Rei
Por Redacción
O CD Ribadumia disputará un partido histórico o 17 de decembro ás 19 horas. Será un duelo correspondente á primeira rolda da Copa de S.M o Rei que medirá aos do Salnés co Cádiz CF, de primeira división.
Ao tratarse dun club de nivel inferior, tres categorías de diferenza entre galegos e andaluces, o Ribadumia partirá coa vantaxe de xogar como local. Con todo, aínda non está confirmado que os de Luís Carro poidan disputar o seu partido na Senra.
Técnicos da Real Federación Española de Fútbol, acompañados por traballadores do operador de televisión encargado de retransmitir o partido, visitaron este mércores o recinto deportivo para inspeccionalo e avaliar se reúne os requisitos mínimos para poder albergar un encontro deste nivel e que será retransmitido por televisión.
Aínda que a decisión non está tomada, as sensacións despois do exame son positivas e a única deficiencia salvable que presenta o campo está relacionada coa iluminación, un aspecto fundamental para as retransmisións televisivas. Se o Ribadumia consegue mellorar o seu sistema de luces poderá recibir ao Cádiz na súa casa para tratar de seguir facendo historia.